Noticias

A Deputación resolve as axudas para actuacións no patrimonio histórico e cultural

Aproba actuacións en 46 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes


28 setembro 2017
Monasterio de Silleda

A Xunta do Goberno provincial ten previsto aprobar na xuntanza desta semana a resolución de axudas para actuacións no patrimonio histórico e cultural. Esta liña foi convocada cun orzamento de 600.000 euros e o número total de concellos beneficiarios ascende a 46. Hai que lembrar que o obxectivo xeral destas subvencións é promover a recuperación e rehabilitación deste tipo de patrimonio existente na provincia, sempre que sexa de titularidade municipal.

As bases contemplaban actuacións que incluísen propostas de obras de conservación, restauración e sinalización. Así, como obras de conservación estipulábanse as que tivesen como finalidade o mantemento do inmoble coas súas características e materiais orixinais, fosen reparacións puntuais, substitucións concretas de elementos deteriorados, ou as que derivasen de reparacións dos danos habituais provocados polo paso do tempo ou polo seu uso característico. Tamén contemplaba como subvencionables as obras de sinalización dos bens inmobles e os estudos museográficos e arqueolóxicos coa información previa ao deseño dos mesmos, que son necesarios para a elaboración dos sinais. A orde incluía ademais os proxectos técnicos oficiais e colexiados das actuacións a levar a cabo, o deseño e instalación de paneis informativos e os gastos de estudos museográficos e arqueolóxicos para a elaboración dos paneis de sinalización, coa recollida da información precisa e veraz dos mesmos.

Distribución por comarcas

Na comarca de Vigo foron aprobadas axudas por un importe total de 95.961,47 euros, que corresponden a un total de 9 c0ncellos solicitantes: Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior. Na comarca do Salnés as axudas ascenden a un total de 50.288,98 euros e corresponden aos concellos de Cambados, A Illa de Arousa, Meis, Ribadumia e Sanxenxo. No Baixo Miño aprobáronse axudas por un importe de 81.080,32 euros para a totalidade dos concellos de dita comarca: A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui. Na comarca de Pontevedra o importe dos proxectos aprobados suma 72.958,41 euros e corresponden a solicitudes dos concellos de Barro, Campo Lameiro, A Lama, Poio, Ponte Caldelas e Vilaboa. Nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes o importe total é de 26.213,34 euros para proxectos procedentes de Forcarei, Lalín, Silleda e Vila de Cruces. Na comarca do Morrazo a suma ascende a 102.197,46 euros e corresponde a solicitudes dos catro concellos: Cangas, Bueu, Marín e Moaña. Na comarca de Caldas as axudas suman 50.963,72 e corresponden aos concellos de Caldas de Reis, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga. Por último, no Condado-Paradanta as axudas suman 68.365,19 euros e corresponden aos concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Arbo e Covelo.