Noticias

A Deputación reparte en menos de seis horas as 57.000 máscaras que recibiu do Goberno de España nos concellos de menos de 20.000 habitantes

Carmela Silva deu conta á subdelegada Maica Larriba da eficiencia do reparto e agradeceu "que se contase coas deputacións para distribuír o material nos concellos pequenos. Este é o modelo a seguir, máis eficiente e máis áxil"


08 maio 2020

En soamente seis horas desde a recepción de máscaras por parte do Goberno de España, a través da Delegación do Goberno, a Deputación de Pontevedra achegoulles aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia as 57.000 unidades deste material de protección. Nun acto de "lealdade institucional", como así o cualificou a presidenta provincial, Carmela Silva informou hoxe nunha videoconferencia á subdelegada do Goberno na provincia, Maica Larriba, da "eficiencia e axilidade" do reparto, ademais de agradecerlle ao Goberno do Estado o feito de contar coas deputacións para a distribución dos materiais.

"Este é o modelo a seguir", sinalou a presidenta provincial, que recoñeceu publicamente o xeito escollido polo Goberno do Estado para a distribución do material, destacando "os criterios obxectivos co que se fixo o reparto e o feito de considerar que a protección é un dereito das persoas no que non cabe o populismo, senón ser eficientes, áxiles e pensar na cidadanía". Deste xeito, Silva trasladoulle a Larriba a "moi boa idea" de contar co mundo local e coas deputacións provinciais, "xa que nós temos unha estrutura habitual de contacto, o coñecemento e a relación cos concellos que nos permiten poder facer as cousas en poucas horas, tal e como se fixo neste reparto". Neste aspecto, Carmela Silva recordou que "outras administracións tardaron unha semana en repartir o material que tamén recibiron do Goberno de España".

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, destacou que este reparto se corresponde cun segundo operativo de case 300.000 máscaras que se distribuíron atendendo aos criterios acordados entre o Goberno do Estado e a FEMP. "Desde o primeiro momento sabiamos que era imprescindible contar coas deputacións provinciais porque coñecedes as necesidades dos concellos máis pequenos e dispoñedes da infraestrutura que permite que lles cheguen as máscaras directamente", destacou. Ao respecto, Larriba tamén recordou que "no que levamos de loita contra a COVID-19 o Goberno organizou dous operativos moi importantes e ata agora entregoulle á Xunta máis de 2,2 millóns de máscaras, un total de 31.000 calzas, batas e roupa de protección e 237 respiradores".

O reparto de máscaras que o Goberno de España lles trasladou aos concellos a través da Deputación de Pontevedra atendeu a criterios obxectivos, tal e como recordaron ambas as mandatarias. Deste xeito, a distribución fíxose en función da poboación, xa que está estreitamente relacionada co volume de ingresos hospitalarios dos concellos, e do índice de envellecemento, ao tratarse do colectivo máis vulnerable á pandemia.