Noticias

A Deputación renovará a drenaxe e mellorará o firme da estrada provincial Peso-Caroi en A Lama

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a actuación, cun orzamento de 99.999,99 euros, garantirá a estabilidade da estrada tras os temporais de chuvia deste inverno


20 xullo 2017
Estrada

O servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra renovará a drenaxe e mellorará o firme da estrada EP-0307  entre Peso-Caroi, no concello de A Lama. Segundo indicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, esta obra garantirá a estabilidade da estrada tras os temporais de chuvia deste inverno que, xunto co paso continuo de camións pola zona, produciron danos irreversibles na vía.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez subliñou que a actuación xurdiu por indicación dos técnicos do departamento tras o taponamento parcial da drenaxe habilitada para deixar pasar as augas dun regato baixo a estrada. Segundo os técnicos, faise imposible reverter o mal estado desa construción, o que podería orixinar un asolagamento da zona augas arriba co conseguinte risco de desbordamento do regato por riba da estrada. Así mesmo, tamén indican que "é inminente o afundimento total (…), o que deixará aos habitantes da zona de Caroi nunha situación moito máis complicada para chegar aos núcleos de A Lama, Pontecaldelas ou Fornelos de Montes, por poñer varios exemplos".

Ante esta situación, a Deputación de Pontevedra decidiu substituír a obra de drenaxe actual por unha nova estrutura que garanta o desaugue do regato e que, ao mesmo tempo, garanta tamén a estabilidade estrutural da estrada fronte ao paso de vehículos pesados. Esta obra ten un orzamento de licitación de 99.999,99 euros e está en fase de contratación, téndose recibido 15 ofertas de empresas interesadas na súa execución. A adxudicación final estará lista en breve, podendo iniciarse a obra despois do verán (cun prazo de execución de dous meses).

Por outra parte, a Deputación tamén realizará a reparación de danos ocasionada polo afundimento dos noiros situados nos puntos quilométricos 0+200 e 1+700 na estrada provincial EP-0303 Gaxate-Ermitas, nunha zona moi próxima ao leito do Regueiro das Ermidas -afluente do río Oitavén-. A construción de sendos muros de sostemento, e a colocación dunha barreira de seguridade- está motivada principalmente polos danos na estrutura da estrada, que comprometen a estabilidade da mesma e a seguranza dos usuarios da vía. O orzamento desta obra, que tamén ten un prazo de execución de dous meses, alcanza os 26.860,16 euros.

Fotos