Noticias

A Deputación remata as obras de seguridade viaria na estrada EP-8401 entre Portela e Souto de Vea en Cuntis

A actuación provincial soluciona unha demanda histórica para garantir a seguridade viaria nesta estrada de alta densidade de circulación


15 xuño 2021

A Deputación de Pontevedra rematou en Cuntis as obras na EP-8402 entre Portela e Souto de Vea, unha actuación que soluciona unha demanda histórica da veciñanza e do Concello para desenvolver un proxecto que garantira a seguridade viaria nesta estrada de alta densidade de circulación. A actuación, na que a institución provincial investiu preto de 80.000 euros, permitiu executar uns 2.400 metros de cunetas de seguridade revestidas de formigón.

A través destes traballos substituíronse as cunetas de terra con forma de uve por cunetas tendidas revestidas de formigón de entre 1 e 1,5 metros de anchura. As novas cunetas percorren ambas as dúas beiras da estrada, que conta con preto de 6,8 quilómetros de lonxitude en total, ao longo dos seus dous primeiros quilómetros.

O tramo no que actuou a Deputación de Pontevedra transcorre por terreos forestais, con escasa presión residencial, pero trátase dunha vía moi transitada, con curvas pechadas que tiña unha sección de 6,5 metros que, a partir de agora coas novas cunetas, pasará a ter entre os 8 e os 9,5 metros, incrementando deste xeito a seguridade viaria. Ademais das novas cunetas, a actuación tamén permitiu instalar tubaxes para a canalización das escorrentas de augas pluviais, evitando que o firme se enchoupe. 

Fotos