Noticias

A Deputación remata a mellora integral do viario provincial EP-7202 no Sixto-Pardesoa en Forcarei

A intervención de calmado de tráfico e mellora peonil realizouse nun tramo de tránsito de peregrinos do Camiño da Geira e dos Arrieiros


19 novembro 2021
Mellora EP7202 en Forcarei

A Deputación de Pontevedra vén de realizar diversas obras de conservación para mellorar a mobilidade e seguridade no viario EP7202 Soutelo-Ratel, no concello de Forcarei. En concreto, as melloras que supervisaron o deputado provincial de Infraestruturas Gregorio Agís e a alcaldesa Verónica Pichel, centráronse  no lugar do Sixto, nun tramo da citada estrada que ten unha grande afluencia de peregrinos do Camiño da Geira e dos Arrieiros e nesta zona que nos últimos dous anos experimentou un notable incremento de  poboación de segunda residencia.

As intervencións realizadas pola Deputación, nas que se investiron en torno aos 25.000 euros, consistiron na dotación de canalización de pluviais e aumento da plataforma para seguridade peonil desde o inicio do núcleo ata a Ponte (80 metros) e no acceso á Igrexa Parroquial a Santiago de Pardesoa. A maiores, tamén se realizou unha reparación da ponte que conta cun século de antigüidade e que acusaba signos de desgaste polas correntes de auga e temporais. Por último, realizáronse labores de calmado de tráfico  ao abeiro do Plan Móvese para solucionar os problemas de velocidade sobre todo en fin de semana.

Esta mellora integral supón a transformación espacial deste pequeno núcleo e a Deputación ten programado xa a execución de novas melloras no viario Soutelo-Ratel, no que nos últimos 5 anos xa se investiron preto de 70.000 euros. Por outra banda, o deputado fixo balance tamén da mellora de firmes realizada nos viarios que pasan por este concello e da programación para o período 2022-2023.

A alcaldesa de Forcarei Verónica Pichel e Gregorio Agís trataron amais no encontro outras actuacións que forman parte da folla ruta marcada por ambas institucións de mellora dos viarios provinciais de forma planificada e rigorosa. Trátase das demandas municipais de calmado de tráfico solicitadas en  vías provinciais nos núcleos de Vilariño (Millerada), Rozados (Quintillán), Penalba (Presqueiras) e Pousada así como novas actuacións de canalización de pluviais en Covas e o aumento da plataforma para tránsito peonil entre Soutelo e Sanguñedo e en Rozados (Quintillán). 

Fotos