Noticias

A Deputación remata a mellora da ponte do río Verdugo na Lama

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez destaca que a actuación superou os 37.000 euros e incluíu tamén a reforma do aparcadoiro das inmediacións


10 xullo 2018
Mellora da ponte e aparcamento A Lama

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra acaba de finalizar as obras de acondicionamento da ponte do río Verdugo e da explanada do aparcadoiro anexa no Concello da Lama. O deputado Uxío Benítez manifestou que os traballos tiveron un orzamento superior aos 37.000 euros e supoñen dignificar unha construción moi utilizada polas persoas usuarias da praia fluvial, que agora no verán é moi concorrida, e que cruzan a pé dun lado a outro da área recreativa.

Benítez explica que a solicitude de mellora fora unha das peticións do alcalde Jorge Canda ao departamento provincial e que, recentemente, aceptou a transferencia da construción ao Concello logo da súa mellora por parte da Deputación. Así, a Deputación fíxose cargo da obra e promoveu unha actuación que implicaba a la limpeza da ponte –que presentaba moita vexetación–, e da pavimentación da parte superior, que serve de paso peonil entre ambas ribeiras do Verdugo e que estaba deteriorado polo paso dos anos. En canto ao aparcadoiro, a intención era dar solución aos problemas de acumulación de auga; renovar a pavimentación e regular o estacionamento con nova sinalización horizontal e vertical para evitar o descontrol de vehículos que, sobre todo no verán, dificultaban o acceso ás persoas residentes.

Deste xeito, nas últimas semanas, persoal operario da empresa Construcciones E. C. Casas realizou traballos de limpeza mecánica da vexetación, realizou as canalizacións necesarias para instalar novos sumidoiros e tallas, limparon as existentes, e executaron un novo pozo de rexistro. Posteriormente fixéronse traballos de fresado na superficie da ponte e na explanada e afirmáronse as terras e a ponte para logo dispoñer a pavimentación, con lousas de granito silvestre no viaduto e asfalto na zona de aparcamento. Por último, dispúxose a sinalización horizontal para ordenar o espazo de estacionamento e de circulación e tamén sinalización vertical limitando as zonas de parada.