Noticias

A Deputación rehabilitará a estrada EP-5005 entre A Cañiza e A Pousa cun orzamento de máis de 578.000 euros

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez confirma as obras de mellora de 12,3 quilómetros de lonxitude da calzada


08 agosto 2018
Visita estradas da Cañiza

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Mobilidade, xa ten listo e en fase de contratación o proxecto para rehabilitar de xeito integral o firme da estrada provincial EP-5005 A Cañiza-A Pousa co fin de mellorar a seguranza viaria. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, nunha reunión mantida co alcalde da Cañiza recentemente acordouse que a Deputación melloraría a plataforma da estrada ao longo de 12,3 quilómetros de lonxitude circunscribíndose ao trazado existente, mentres que a reforma da contorna do campo de fútbol-que non é de titularidade provincial-debería ser realizada polo Concello.

O orzamento do Servizo de Mobilidade para a o novo proxecto da estrada alcanza os 578.338,85 euros, e inclúe a completa reposición do firme. A execución das obras circunscribirase exclusivamente á plataforma da vía mellorando a pavimentación da traza existente, dentro do dominio público viario e sen ocupar outro tipo de terreos: levantarase todo o firme actual en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma. Así mesmo, mellorarase a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, marcas brancas transversais, símbolos e frechas, entre outros).

Segundo explica o deputado Uxío Benítez, esta actuación da Deputación foi consensuada co alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, nun encontro mantido para falar das necesidades viarias da rede provincial dentro do municipio. Entón, o rexedor manifestara que era preciso tamén mellorar as marxes do campo de fútbol mais, dado que a contorna das instalacións deportivas está fóra do dominio público da Deputación, acordouse co beneplácito de ambas partes que o Concello sería quen se faría cargo da súa reforma, que se debería coordinar e realizar ao mesmo tempo que as obras da Deputación para unha maior eficiencia.

Para mellorar os arredores do campo de fútbol, en calquera caso, o Concello debía solicitar autorización e informe á Deputación, tal e como acontece con todas e cada unha das obras que se realizan nas inmediacións de estradas provinciais, pero a solicitude aínda non foi recibida pola institución provincial.

Ante esta situación, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez manifestou a súa sorpresa polas críticas vertidas polo alcalde Domínguez nos últimos días sobre a Deputación por un suposto "abandono" do concello da Cañiza. "O alcalde é perfectamente coñecedor de que o proxecto para a EP-5005, de 578.000 euros, está en marcha, xa na fase de contratación, e de que incluso hai outras actuacións pendentes de convenio nas que estamos a traballar", explicou o nacionalista, quen destacou que nestes momentos o paso para actuar na contorna do campo de fúbtol correspóndelle ao dirixente ‘popular'.

Benítez quixo indicar tamén que o contacto entre o Concello da Cañiza e o Servizo de Mobilidade para coñecer e atender as súas necesidades en materia viaria foi fluído desde o inicio do mandato. Lembrou que ademais do actual proxecto en marcha, o actual Goberno provincial sacou adiante as actuacións de Pontedeva (que tal e como o deixara o anterior Goberno incumpría os informes de Augas de Galicia, entre outros), e da Franqueira (que tiña problemas con Patrimonio). Tamén se fixeron reformas en varias estradas provinciais con dispositivos de calmado de tráfico, melloras de firmes, e renovacións de sinalizacións co fin de aumentar a seguranza viaria, "todas elas de forma consensuada, respectando a autonomía e os intereses do Concello".

Fotos