Noticias

A Deputación reforza para o 2019 o programa "Depo en marcha" con máis orzamento e con máis obradoiros para as persoas maiores da provincia

O investimento será de 156.000 euros, fronte aos 120.000 deste ano, e o número inicial de obradoiros será de 130, fronte aos 100 cos que comezou a vixente edición


21 xullo 2018
Xunta de Goberno de Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa "Depo en marcha" 2019. Trátase dun programa que ten como obxectivo favorecer o envellecemento activo a través de obradoiros de actividades que actúan como espazos de encontro e de intercambio de experiencias, evitando así o illamento e as situacións de soidade das persoas maiores.

O Goberno provincial achega para "Depo en marcha" 2019 un orzamento total de 156.000 euros. Son 36.000 euros máis que na vixente edición de 2018, onde o investimento foi de 120.000 euros. Con esta suba orzamentaria, desde a Deputación quérese incrementar o número de obradoiros a realizar, que serán inicialmente 130, fronte aos 100 cos que comezou esta edición de 2018.

Con esta nova contratación, o Goberno provincial continúa a súa senda pioneira de introdución de cláusulas de responsabilidade social nos contratos públicos, tal e como se establece na nova Lei de contratos do sector público. Recentemente, os últimos expedientes de contratación aprobados para os programas "Tecendo lazos", "DepoIntegra 2" e "Depotermal" xa incorporaron distintas cláusulas sociais nos contratos para a súa adxudicación.

No caso de "Depo en marcha" 2019, e tal e como recolle o expediente aprobado en Xunta de Goberno, vanse valorar distintos criterios sociais á hora da adxudicación. Con ata 3 puntos vaise valorar o compromiso da empresa para mellorar as condicións laborais e salariais por riba do convenio sectorial e territorial ás persoas docentes dos obradoiros; con ata 5 puntos, o compromiso de contratar a un número de mulleres superior ao 50 % do persoal contratado; con ata 3 puntos, o compromiso de empregar a un número de persoas traballadoras con contrato indefinido superior ao 50 %; con ata 3 puntos, o compromiso da empresa coa igualdade entre homes e mulleres; e con ata 3 puntos, o compromiso de incluír docentes novos e novas, menores de 30 anos e/ou con diversidade funcional.

O programa "Depo en marcha" diríxese a todas as entidades de maiores, pensionistas e xubilados da provincia, así como outras entidades que traballan no eido das persoas maiores. Os obradoiros a realizar en 2019 englobaranse en oito grandes áreas: "Traballando coas mans", "Entre fogóns", "Aprendendo da natureza", "Móvete", "Activando corpo e mente", "Enredando", "Dálle marcha" e "En rede".