Noticias

A Deputación de Pontevedra reforza o seu compromiso coa formación e co emprendemento a través do VI Coworking de Barro e da III Aceleradora de Turismo

Carmela Silva amosou o "total apoio" do seu Goberno "para converter ideas e proxectos en economía e creación de emprego"


11 setembro 2020
Rolda de prensa presidenta

"Somos moi conscientes de como a pandemia afecta a economía e por iso imos facer un esforzo, aínda maior do que xa faciamos, para que os nosos recursos se dediquen á formación e ao emprendemento", asegurou a presidenta, Carmela Silva, na presentación do VI Coworking de Barro e da III Aceleradora de Turismo. Silva, que amosou o "total apoio" do seu Goberno para "converter ideas e proxectos en economía e creación de emprego", informou que serán un total de 25 os proxectos beneficiarios de ambas as iniciativas cuxo prazo de inscrición abre hoxe mesmo a través das webs da EOI e de SmartPeme.

En canto ao VI Coworking de Barro será, ao igual que o anterior, en liña por mor da pandemia. Neste caso, a presidenta informou que o programa, para o que xa se pode solicitar praza (https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/pontevedra-presencia-virtual-online-6a-edicion), daralle cabida, de xeito gratuíto entre outubro de 2020 e marzo de 2021, a 20 proxectos emprendedores da provincia "en fase temperá de desenvolvemento ou creados recentemente". Concretamente Silva destacou que para esta sexta edición os proxectos "deberán estar enmarcados na dixitalización, na transición cara unha economía sustentable, na aposta polo I+D+i e as novas tecnoloxías".

Os proxectos que participen na nova edición do coworking recibirán un programa de asesoramento personalizado para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión de proxectos, así como para validar os seus modelos de negocio. Tamén contarán con sesións de formación sobre Lean Start Up, crowfunding, estratexias de comunicación en redes sociais, creatividade e innovación, a posta en marcha dun plan de márketing dixital, finanzas, habilidades de comunicación e xestión do talento.

Polo que respecta á III Aceleradora de Turismo, serán cinco os proxectos que se beneficien deste programa para a que xa se pode solicitar praza (ata o 15 de outubro) na web de SmartPeme. "Trátase dunha forte aposta polo sector turístico, máis agora coa pandemia, xa que sabemos que este sector é o que máis está a sufrir as súas consecuencias", asegurou Carmela Silva, quen detallou que a aceleradora lle proporcionará unha formación e seguimento "moi exhaustivo e personalizado" ás iniciativas empresariais. Concretamente, a presidenta explicou que o programa achega formación relativa á tecnoloxía, imaxe dixital e competitividade, así como sobre innovación, oportunidades na promoción e comercialización, márketing dixital e finanzas.

A presidenta recordou que nas dúas primeiras convocatorias da aceleradora de turismo se presentaron máis de 50 candidaturas para as 10 prazas ofertadas e que, dos cinco proxectos que participaron na última edición todos permanecen en activo e seguen a recibir asesoramento do programa SmartPeme.