Noticias

A Deputación reforza o liderado en calidade turística do destino Pontevedra Provincia renovando a súa aposta polo sistema SICTED

O novo servizo para o desenvolvemento do SICTED está aliñado co Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023 en busca dunha provincia sostible e innovadora


02 xaneiro 2022

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno a adxudicación dun novo contrato de servizos para a implantación e desenvolvemento do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) no destino Rías Baixas Pontevedra Provincia. Este novo contrato, que conta cun orzamento de 237.160 euros e unha duración de 27 meses, permitirá á institución provincial seguir avanzando na implantación, consolidación e ampliación dos establecementos adheridos ao sistema de calidade do Instituto para a Calidade Turística de España (ICTE).

O SICTED na provincia está aliñado co Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023, que marca entre os seus obxectivos a mellora da competitividade do destino e contempla accións encamiñadas a espallar o compromiso coa calidade en eidos como a sostibilidade e a dixitalización. Ao abeiro deste servizo impartirase formación convencional, como idiomas ou atención ás e aos clientes, e tamén se sensibilizará e formará ao sector turístico en busca dunha provincia sostible e con servizos e prestacións innovadoras.

O SICTED no destino Pontevedra Provincia

A Deputación de Pontevedra é unha das Administracións máis veteranas na xestión do SICTED en España. Comezou a súa andaina en 2015 e, dende entón, chegou a acadar o pasado ano en FITUR o galardón á/ao mellor técnico de xestión SICTED, que foi concedido a Elina González, unha das responsables de Turismo Rías Baixas. Ademais, o destino Pontevedra provincia Turismo Rías Baixas é o que conta con máis certificados de calidade de toda España.

Neste momento a Deputación traballa con 350 empresas de toda a provincia e de tódolos subsectores relacionados co turismo. Ao abeiro deste asesoramento provincial hai 302 empresas xa distinguidas co selo SICTED, das cales 6 poderán optar á Q de Calidade. Estas empresas recibirán ou renovarán a súa distinción polo traballo realizado durante este ano na Gala Provincial do Turismo, que se celebrará a finais de febreiro.

No 2021 a institución provincial ampliou o desenvolvemento do Plan de Formación dando un salto ao mundo dixital e facilitando así a conciliación dos negocios para acceder á formación. Ademais, a Deputación tamén deu asesoramento a empresas para a implantación do ciclo especial Covid-19 para o que o SICTED puxo en marcha o distintivo "Preparado Covid-19" que foi concedido a 37 empresas de diferentes oficios e concellos que se adaptaron ás boas prácticas de redución do risco de contaxios.