Noticias

A Deputación redobra o seu compromiso coa igualdade coas axudas a 26 entidades sociais da provincia

Financiarán programas para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia machista que, unidos ás subvencións aos concellos, supoñen un investimento de 340.000€


24 outubro 2020
Presidenta da Deputación, Carmela Silva

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión das subvencións dirixidas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero. Esta liña de axudas, como lembrou hoxe a presidenta Carmela Silva, ten este ano un orzamento de 108.000 euros e "vai permitir a estas entidades poidan desenvolver múltiples actividades neste eido". As subvencións súmanse ás xa adxudicadas aos concellos da provincia por importe de 230.000 euros para financiar proxectos neste eido, de xeito que a institución provincial destina este ano 340.000 euros "a actividades para favorecer a loita contra as violencias machistas e favorecer a igualdade das mulleres".

Carmela Silva destacou que entre as actividades que van ser subvencionadas a través desta convocatoria de entidades figuran, entre outros, "programas de información e apoio ás vítimas de violencia de xénero, proxectos de formación para facilitar o emprego a mulleres en situación de vulnerabilidade, de atención integral para mulleres en situacións relacionadas coas violencias machistas, actividades de empoderamento dirixidas a mulleres con discapacidade e a mulleres migrantes, así como de formación no emprendemento a mulleres rurais". As axudas aprobadas están destinadas a 26 entidades de dez concellos da provincia: Cambados (1), Cangas (1), Lalín (2), Marín (1), Mos (1), Pontevedra (3), Silleda (1), Tui (1), Vigo (13) e Vilagarcía (2).

As entidades beneficiadas en Vigo son a Fundación Matrix Investigación Desarrollo Sostenible; a Asociación de Mulleres con Discapacidade Galicia; a Fundación Érguete-Integración; Down Vigo Asociación para o Síndrome de Down; a Asociación Centro Cultural Artístico Recreativo de Valladares; a Asociación de Executivas de Galicia; a Asociación Acción Solidaria Galicia (ASDEGAL); a Asociación Mulleres Pedra da Vella; Asociación Viguesa de Alcoholoxía (Asvidal); Radio Ecca Fundación Canaria; a Fundación Juan Soñador; a Asociación de Empresarias de Galicia e a Casa de Andalucía en Vigo.

No caso de Pontevedra, as axudas irán a parar á Asociación Española Contra el Cáncer, a Cáritas Diocesana de Santiago e á Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas. mentres que en Vilagarcía a recibirán a Fundación Amigos de Galicia e a Asociación Siéntete Bien. En Lalín, as dúas entidades beneficiadas son o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e a Asociación Puntodelas-Secretaría das Mulleres.

Doutra banda, recibirán axudas a Asociación para a Promoción e Integración das Mulleres Galegas do Rural Agra (Cambados); a Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama (Cangas); a Asociación Pola Igualdade e a Coeducación (Marín); a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Mos); a  Asociación para o Desenvolvemento Social da Comarca do Deza (Silleda) e a Asociación de Mulleres en Igualdade de Tui.


Novas relacionadas