Noticias

A Deputación de Pontevedra redobra a súa aposta polo audiovisual incrementando o seu apoio ás producións con "Pontevedra, plató de cinema"

O programa de patrocinio e mecenado da Deputación conta cun orzamento de 90.000 euros para impulsar ás rodaxes feitas na provincia


17 maio 2021

A provincia de Pontevedra está chea de recunchos que ben poden ser o escenario das películas máis vistas nos cinemas de todo o mundo. A Deputación, consciente do potencial da provincia e da importancia de apoiar ao sector audiovisual, acaba de aprobar en Xunta de Goberno as condicións que deben cumprir a entidades que queiran formar parte de "Pontevedra, plató de cinema", o programa de patrocinio e mecenado ás rodaxes feitas na provincia. A institución eleva este ano o orzamento da iniciativa ata aos 90.000 euros, o que supón 30.000 euros máis que na súa edición anterior.

Os proxectos audiovisuais ou obras de animación que queiran acceder a estas achegas deberán ser en galego, estar desenvolvidos por entidades privadas e mellorar a visibilidade e notoriedade da provincia situando na provincia de Pontevedra, polo menos, un 50 % do total dos seus escenarios. As longametraxes que cumpran estes requisitos poderán obter unha axuda cun importe máximo de 15.000 euros e mentres que as curtametraxes poderán chegar a obter 3.500 euros.

"Pontevedra, plató de cinema" arrincou o ano pasado co patrocinio de Nación, de Margarida Ledo, que xa obtivo premios á Mellor Dirección no Festival de Cine de Sevilla 2020 e ao Mellor Documental nos Mestre Mateo 2021, e 9 Fugas, de Fon Cortizo, que se alzou co Premio Mestre Mateo á Mellor Música Orixinal ademais de obter o Premio á Mellor Película na sección Retueyos do Festival Internacional de Cine de Xixón. Ademais, tamén se patrocinaron Negro Púrpura, Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, e Devolvendo o golpe, de Carlos Prado.