Noticias

A Deputación redactará novos proxectos para mellorar as estradas provinciais O Mosteiro-Arcos, en Meis, e Xesteira-Almofrei, en Cotobade

O vicepresidente, Mosquera, explicou que o departamento de Mobilidade desiste da contratación das obras previstas porque non tiñan terreos ou autorizacións ou incumprían a normativa


03 marzo 2017
Mosquera

O vicepresidente provincial, César Mosquera, anunciou hoxe que a Deputación vai redactar novos proxectos de mellora para as estradas EP-9401, entre Mosteiro-Arcos (Meis), e EP-0405, entre Xesteira-Almofrei (Cotobade). Así o indicou, logo de aprobarse na Xunta de Goberno a desistencia do departamento de Mobilidade da contratación das obras planificadas polo anterior executivo provincial porque carecían de terreos, non tiñan as autorizacións das administracións pertinentes ou non cumprían a normativa. "Estase traballando en facer proxectos alternativos, ben feitos, en tramitar as autorizacións e adaptar os proxectos ás posibles autorizacións e condicións que cheguen doutras administracións. Agardamos con isto ir poñendo en orde todas as actuacións que estaban adxudicadas desta maneira e cambiar radicalmente a cultura das obras nesta Deputación", subliñou o nacionalista.

Segundo explicou Mosquera, as obras das que se desiste, cuxa licitación estaba en trámite, foran adxudicadas despois das anteriores eleccións municipais, "a présa" e con proxectos nos que os novos directores dos servizos técnicos do departamento de Mobilidade provincial informan que teñen importantes irregularidades. "Estas actuacións estaban nun procedemento adormecido e desde que chegou o novo xefe de Servizo estanse liquidando e poñendo en orde. Iso non quere dicir que non se vaia actuar nestes sitios, senón que se vai actuar con proxectos ben feitos. Todas as chapuzas que se poden imaxinar e máis estaban aquí", insistiu o vicepresidente, para explicar que, ademais destas desistencias, quedan outras dúas actuacións máis, nas que é preciso anular a contratación feita para modificar os proxectos.

O vicepresidente tamén fixo referencia á aprobación da resolución do contrato "Eficiencia enerxética na iluminación exterior do contorno da Pousada de Ribadumia'. Indicou que parte dos traballos están realizados e outra parte non se pode executar porque están condicionados a unha urbanización que non se pode facer porque os terreos non eran propiedade da Deputación. "As farolas ían nunha beirarrúa que non está feita", subliñou.

Meis

No caso do proxecto de acondicionamento da EP-9401 entre Mosteiro e Meis o expediente de licitación aprobouse o 3 de xullo de 2015 e o 26 de agosto abriuse o sobre B, dentro do procedemento habitual de contratación para a súa avaliación técnica. O orzamento total era de 356.975,22 euros.

Segundo o informe de revisión hai varias causas que xustifican a inviabilidade da actuación construtiva aprobada. A primeira é que non se procedeu a efectuar o replanteo previo, que consiste na comprobación da realidade xeométrica e a dispoñibilidade dos terreos. Neste sentido, destácase que non existe relación de bens e dereitos afectados, a pesar de que na memoria do proxecto apúntase que "la mayor parte de los terrenos ocupados se encuentran en vía pública, obteniéndose el resto mediante cesiones según indicaciones del ayuntamiento". Os terreos, en calquera caso, a día de hoxe non están dispoñibles e non existe convenio no que se garanta esa cesión.

Así mesmo, detéctase que o proxecto non foi sometido a informe de Patrimonio, a pesar de que na contorna está o igrexario de Santo Tomé de Nogueira, elemento catalogado. Tampouco cumpre o Plan Xeral de Ordenación Municipal no referente ás liñas de aparcamento e, por outra banda, detéctanse contradicións no proxecto en canto ás actuacións definidas nos planos e no prego de prescricións técnicas, o que suporía a necesidade de prezos novos.

Como conclusión, o informe de revisión asinado polos técnicos propón a "oportuna reformulación do proxecto, de forma que poidan ser corrixidas as deficiencias atopadas".

Cotobade

O ensanche e mellora da EP-0405 entre Xesteira-Almofrei, en Cotobade, pola súa banda, aprobouse o 29 de maio de 2015 e o sobre técnico abriuse o 2 de setembro. O orzamento era de 558.611 euros mais 50.068 para expropiacións.

O persoal técnico explica que o proxecto é inviable por diferentes circunstancias, entre as que destacan que o anexo da cartografía e topografía da actuación está incompleto e que non existe autorización da Xunta de Galicia, a pesar de afectar á PO-233. Por outra banda, o ámbito de actuación da obra, que representa a ampliación da sección da estrada, só contempla 750 metros dos 1.530 metros da lonxitude total, "supoñendo o punto final do ensanche un punto conflitivo, polo estreitamento que se producirá bruscamente na sección (…), podendo xerar situacións de perigosidade para os vehículos". Así, conclúese que é "oportuna a reformulación do proxecto, de forma que poidan ser corrixidas antes da adxudicación as deficiencias atopadas".


Novas relacionadas