Noticias

A Deputación recolleu no que vai de ano 53 vehículos abandonados nos 45 concellos da provincia nos que presta este servizo

A institución provincial ofrece esta prestación de xeito gratuíto, que inclúe a retirada e descontaminación dos vehículos para favorecer a posterior reciclaxe dos seus residuos


26 setembro 2021
Deputación de Pontevedra

No marco da súa aposta medioambiental e de apoio aos concellos, a Deputación de Pontevedra presta desde o ano 2015 o servizo de retirada de vehículos abandonados ou fóra de uso aos municipios de menos de 50.000 habitantes, ao que neste momento están adheridos 45 concellos. Esta prestación, que é de competencia municipal, ofrécese de xeito gratuíto aos concellos, "porque é fundamental loitar contra a contaminación ambiental e tamén contra a visual", como destacou a presidenta provincial, Carmela Silva.

No que vai deste ano 2021, xa se retiraron 53 vehículos a través deste servizo, que consiste na recollida ao final da súa vida útil ou fóra de uso –para o que previamente os concellos deben tramitar a súa declaración como residuo sólido urbano– así como o posterior tratamento de descontaminación.

Neste senso, Carmela Silva lembrou que precisamente estes  vehículos "xeran millóns de toneladas de residuos, pero cando son recollidos, estes restos poden ser reutilizados e reciclados ata o 95 % dos seus elementos". "Iso é o que facemos –destacou–, estamos a apostar pola economía circular".