Noticias

A Deputación recibe a un grupo de artistas de China que retratan as paisaxes do Camiño Portugués mentres fan a Ruta Xacobea

A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, destacou o traballo destes "prescriptores do Camiño", que están a inmortalizar coa súa visión oriental diferentes paraxes do itinerario luso ata a súa chegada o día 25 a Santiago


22 xullo 2019
Visita artistas chinos

A deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias, recibiu esta mañá no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, a un grupo de cinco creadoras/os chinas/os que estes días realizan o Camiño Portugués a Santiago para retratar algunhas das súas paisaxes desde á súa mirada oriental.

"É unha honra recibir a unha delegación de artistas que a través do Camiño Portugués a Santiago van divulgar a nosa paisaxe, o noso patrimonio e a nosa cultura a través da súa obra", subliñou a deputada provincial. Iglesias remarcou ademais que "nos enche de orgullo recibir a prescriptores do Camiño coma vós, xa que a través deste itinerario cultural que é patrimonio da Humanidade fomentamos a multiculturalidade e os valores de respecto e convivencia que deben ser comúns a todos os pobos".

Tras amosar o seu agradecemento pola iniciativa e porque estes artistas escolleran a provincia pontevedresa para facer o seu traballo artístico "dun nivel excepcional", Ana Laura Iglesias salientou que no 2018, foron 1.111 os peregrinos procedentes de China que chegaron a Santiago. "Polo tanto, debemos reforzar os lazos de promoción do Camiño con este país e a arte é unha canle moi interesante para elo", apuntou a deputada de Turismo.

Pola súa banda a promotora desta iniciativa, Beatriz Piñeiro, do Pazo Quinteiro da Cruz –cuxos xardíns están entre os de Excelencia Internacional da Camelia-, explicou que o proxecto xurdiu hai dous anos, trala visita a estas instalacións de Yuguang Yang, pintor, calígrafo e traballador na Academia de Belas Artes,  e a súa dona, a tamén artista e profesora de español Yan Zhang. "Tentarán transmitir a visión que eles teñen e a través dos seus trazos con tinta china", sinalou Piñeiro, ao tempo que subliñou o feito de que estas obras sobre o Camiño na súa variante espiritual do Salnés veranse en China.

As e os artistas de China están realizando a ruta lusa na súa variante espiritual do Salnés, e hoxe pola mañá recalaron en Pontevedra. Nesta xornada tamén teñen previsto visitar Combarro para retratar algunhas das súas paisaxes, antes de trasladarse mañá ao Mosteiro da Armenteira e o Pazo Quinteiro da Cruz, onde terán un encontro con artistas galegas e galegos. Nesa xornada pintarán paraxes da Ruta da Pedra e da Auga e entre as súas previsións figura tamén pintar outras zonas de Vilanova ou o faro de Punta Cabalo na Illa de Arousa. Todas as súas obras están realizadas en tinta china.   

No grupo viaxa unha escritora e fotógrafa, que narrará os seus sentimentos sobre o Camiño de Santiago. O grupo chegará a Santiago o vindeiro 25 de xullo, día de Galicia, e posteriormente, o día 30, inaugurarán unha exposición dos seus cadros na Facultade de Filosofía da Universidade compostelá, baixo o título "Pensamentos no Camiño", que poderá visitarse ata setembro. Posteriormente, a mostra viaxará ao país asiático.

No encontro, Ana Laura Iglesias agasallou aos membros da delegación china cunhas láminas de castros da provincia, "que son a nosa historia máis antiga e que estamos recuperando na Deputación da Pontevedra", mentres que o artista Yuguang Yang realizou in situ unha caligrafía dedicada a Turismo Rías Baixas que se colgará no Palacete das Mendoza

Fotos