Noticias

A Deputación recibe 800.000 euros de fondos europeos para mellorar a iluminación exterior doutros cinco concellos da provincia

A través destas novas achegas do IDAE renovarase a iluminación exterior de Cambados, Crecente, Forcarei, O Grove e A Guarda


23 maio 2021

A Deputación de Pontevedra acaba recibir unha nova achega do IDAE por valor de 783.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética en outros cinco concellos da provincia. Con esta partida, Cambados, Crecente, Forcarei, O Grove e A Guarda poderán facer fronte á substitución de case 2.000 luminarias por leds de última xeración e elevada eficiencia, actuacións que teñen un custo total de preto dun millón de euros e coas que se conseguirá un aforro enerxético medio do 71 %.

Máis polo miúdo, en Cambados (252.286,28 euros) substituiranse 550 luminarias, o que suporá un aforro enerxético do 87 %; en Crecente (199.682,30 euros) levarase a cabo a substitución de 356 luminarias para lograr un aforro enerxético do 76 %; Forcarei (200.370,76 euros) verá substituídas 386 luminarias co obxectivo de acadar un aforro enerxético do 80 %; no Grove (279.104,60 euros) substituiranse 613 luminarias, o que suporá un aforro enerxético estimado do 65 %; para A Guarda (47.547,26 euros) realizaranse actuacións en 34 luminarias, substituíndo 22 delas e eliminando as 12 restante, coas que se acadará un aforro enerxético do 47 %. Nestes concellos substituiranse ademais un total de 49 cadros de mando e as columnas e cabreado que se atopen en mal estado.

Con esta inversión, a Deputación segue a apostar por unha enerxía non contaminante en liña co seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Neste senso, o ente provincial xa confirmara nas últimas semanas achegas do IDAE para estender a iluminación exterior sostible e eficiencia enerxética a outros nove concellos da provincia: A Lama, Marín, Meaño, Meis, Mondariz-Balneario, Portas, Valga, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.