Noticias

A Deputación de Pontevedra recibe 38 obras para concursar no certame de Novos Valores 2020

O xurado estará formado por especialistas do Museo Reina Sofía, integrantes da Real Academia de Belas Artes, docentes e artistas


02 setembro 2020
Novos Valores 2020

A Deputación de Pontevedra acaba de recibir 38 obras para participar no certame de Novos Valores 2020, unha cifra sensiblemente máis baixa que nos anos anteriores –cando roldaban a centena– debido á novidade desta edición: a limitación de 35 anos de idade das persoas participantes. O xurado reunirase o vindeiro xoves 10 de setembro nunha única reunión na que deben escoller ás catro persoas gañadoras, que recibirán bolsas por importe de 7.500 euros cada unha destinadas a ampliar os seus estudos artísticos e realizar novos proxectos.

Segundo explica o director do Museo, Xosé Manuel Rey, a modificación das bases para o certame artístico debeuse á necesidade de manter o espírito da convocatoria, isto é, dar unha oportunidade á xente moza para desenvolver a súa traxectoria e formación dentro do mundo da arte.

Nesta ocasión o xurado estará formado por César Mosquera como presidente, Carlos Cuadrado –secretario da Deputación– como secretario, e como vogais José Manuel Rey García, director do Museo Pontevedra; María Asunción Rodríguez Rodríguez, directora galería Trinta e académica de número da Real Academia Galega de Belas Artes na sección de Expertos en Artes; Itziar Ezquieta Llamas, artista plástica e docente na Universidade de Vigo; Carmen Hermo Sánchez, artista e docente; Agar Ledo Arias, historiadora da arte e investigadora, integrante do Departamento de Coleccións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid; e o artista Alfonso Costa Beiro.

As persoas integrantes do xurado realizarán unha primeira visualización das obras das diferentes disciplinas: pintura (11), escultura (9), fotografía (3), gravado (4), debuxo (2) , deseño (1), vídeo (5), e varios (3). O obxectivo deste ano, segundo explica o director do Museo José Manuel Rey, é facer a selección das 25 obras participantes na exposición e posteriormente elixir as catro pezas a cuxos autores se lles adxudicarán as bolsas.

Os traballos seleccionados exporanse ao público entre o 15 de outubro e o 15 de novembro no Sexto Edificio. A concesión das catro bolsas será obxecto dun convenio entre as persoas adxudicatarias e a Deputación polo que deberán entregar unha memoria xustificativa do traballo realizado no ano bolsado e do investimento realizado e tamén unha obra orixinal e asinada. Posteriormente cabe a posibilidade de realizar unha nova mostra cos traballos resultado da súa formación.


Novas relacionadas