Noticias

A Deputación recibe 18 solicitudes de axudas para publicar libros, revistas e audiovisuais sobre a provincia de Pontevedra en galego

Por vez primeira presentáronse peticións para publicacións en braille: unha sobre o patrimonio etnográfico da comarca de Pontevedra e outra sobre o patrimonio pesqueiro de Vigo


21 agosto 2020
Axudas libros

A Deputación de Pontevedra acaba de recibir 18 solicitudes de persoas físicas e entidades para editar publicacións, audiovisuais e edicións especiais co fin de divulgar elementos da provincia servíndose do galego como lingua central. Na modalidade de papel presentáronse 12 peticións de subvención, outras dúas para audiovisuais, dúas para formatos mixtos e, finalmente, dúas para edicións especiais en formato braille, a novidade desta edición.

Estas solicitudes repartiranse a partida de 55.000 euros do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, a cargo da nacionalista, María Ortega. O importe máximo da subvención para cada edición non poderá exceder o 70 % do orzamento total: no caso de publicacións en papel non poderá superar os 2.000 euros, os 6.000 euros para os audiovisuais e as edicións mixtas, e os 12.000 para os formatos especiais en braille.

A novidade desta liña de axudas de 2020 era que as subvencións se abrían á edición de formatos para persoas con diversidade auditiva, visual ou cognitiva. Neste apartado presentáronse dúas solicitudes, ámbalas dúas para editar unha publicación e material en braille, con material especial para impresión en relevo de texto e imaxes para a súa interpretación táctil.

A primeira petición foi da Fundación para a Pesca e o Marisqueo, co fin de adaptar ao braille o material de apoio á ruta do patrimonio industrial ‘Vigo Pesqueiro', no que se indican os principais fitos históricos no desenvolvemento industrial do sector arredor da ría de Vigo e a súa pegada na paisaxe cultural de interese arqueolóxico, industrial, e arquitectónico na configuración do contorno ata a actualidade.

A segunda solicitude foi presentada pola Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural (ADEC), co fin de editar en formato braille –e tamén como audiolibro– un manual sobre O patrimonio etnográfico material de Pontevedra e a súa comarca. Esta edición constaría de catro tomos dedicados a ‘Hórreos', ‘Muíños', ‘Cruceiros', e ‘Fontes, lavadoiros e outros elementos'.

Ademais das edicións especiais, tamén se recibiron outras peticións para publicacións relacionadas coa área de Vigo, como a curtametraxe documental sobre Xosé Velo ou a reedición do libro As telleiras de Cesantes. En relación á comarca do Salnés solicitáronse axudas para a edición do libro Os encantiños do Umia, unha publicación sobre San Lorenzo de Nogueira en Meis, ou o inventario do patrimonio marítimo construído na península do Grove. Outras publicacións están relacionadas coa memoria, como a edición do libro-DVD Lola, da Asociación O Faiado da Memoria, ou A memoria dun pobo, da Asociación Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy.

Tamén se incluíron nas solicitudes publicacións sobre Ricardo Portela, sobre os xogos tradicionais galegos, sobre banda deseñada e o proceso de creación no estudio de Miguel Anxo Prado, ou sobre teatro, entre outras.