Noticias

A Deputación recibe 15 ofertas de empresas para executar obras de mellora da seguranza viaria en Salceda de Caselas

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que os técnicos provinciais decidirán nas vindeiras semanas cal é a mellor proposta técnica e económica


24 xullo 2017
Reunión en Salceda

A Deputación de Pontevedra vén de recibir 15 ofertas de empresas construtoras para realizar as obras de mellora da seguranza viaria na EP-2503 entre Cerquido e Borraliño no Concello de Salceda de Caselas.  Segundo explicou o deputado provincial Uxío Benítez, os técnicos do departamento de Mobilidade decidirán nas vindeiras semanas cal é a mellor proposta técnica e económica de entre as firmas candidatas para proceder á súa adxudicación, polo que as obras poderán iniciarse despois do verán.

As obras de mellora da intersección na EP-2503 demoráronse máis do inicialmente previsto debido á presentación de alegacións por parte dos propietarios dos terreos expropiados, que foron desestimadas oficialmente no Pleno da Corporación do pasado mes de xuño. Entón, aprobouse definitivamente o proxecto (cun orzamento de licitación de 115.745 euros) e derivouse o expediente ao departamento de Contratación da Deputación, que publicou o anuncio de obra e xa recibiu as ofertas.

Segundo manifestou Benítez, a Deputación de Pontevedra está a dar "prioridade absoluta" á mellora e reforma dos puntos viarios cunha alta sinistralidade dentro da rede viaria da Deputación. No caso de Salceda de Caselas a demanda de mellora da intersección xa fora manifestada en varias ocasión dende o Concello ao anterior goberno provincial, pero fora desatendida. Coa chegada do novo goberno a solicitude reconsiderouse e plantexouse de inmediato unha actuación.

Para resolver a intersección dos camiños municipais crearase unha nova área pavimentada para delimitar novos carrís de incorporación e agarda no cruce. A maiores da ampliación da plataforma, corrixiranse os peraltes actuais tendo en conta a importante densidade de camións que pasa pola zona, cun tránsito estimado de entre 100 e 199 vehículos pesados por día -por ser unha zona preto de áreas industriais como o polígono industrial de O Cerquido-. Así mesmo, implantaranse dous elementos redutores de velocidade en forma de pasos de peóns sobreelevados en ámbolos extremos de actuación, limitando a velocidade a 30 quilómetros hora. 

Tamén se remodelará o alumeado, potenciándoo na zona de cruce con sete novas luminarias tipo led e retirando as catro actuais. Finalmente, será preciso recuar un poste de formigón de telefonía e instalarase nova sinalización vertical e horizontal adecuada á nova configuración prevista no proxecto.