Noticias

A Deputación realizará obras para mellorar o parque comarcal de maquinaria de Codeseda

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anuncia que se investirán máis de 20.700 euros na base das brigadas de mantemento de estradas da Estrada


02 febreiro 2019
Parque de maquinaria de Codeseda - A Estrada

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra realizará de xeito inminente obras para mellorar o parque comarcal de maquinaria de Codeseda, no concello da Estrada. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a actuación superará os 20.700 euros e o obxectivo é reformar a cuberta para evitar filtracións de auga, crear canlóns de drenaxe no chan, e tamén modificar os portais de entrada para facelos máis operativos.

A obras realizaranse debido a que a cuberta da edificación, segundo constou o persoal técnico do Servizo de Arquitectura provincial, ten forma de serra e nas partes inferiores conta con seis canlóns que actualmente están en mal estado, o que provoca a entrada de auga ao interior. Grazas ao proxecto de reforma, substituiranse os catro canlóns interiores, desprazaranse os exteriores, e substituiranse as baixantes, impermeabilizando as partes superiores das vigas da estrutura e instalando filtros de follas para evitar obstrucións. Por outra parte, e para evitar a entrada de auga ao interior polo entronque cunha plataforma de formigón anexa a un dos laterais, instalaranse unha quenlla de drenaxe no chan que permitirá a evacuación de pluviais. Finalmente, repararase un dos portais e modificarase o outro para permitir o aparcamento de camións coa maquinaria externa adaptada.

O parque de maquinaria de Codeseda, base de dúas brigadas de conservación da rede viaria provincial na zona, consta dunha edificación dunha soa planta duns 200 metros cadrados na que hai unha zona de aparcamento de camións e maquinaria, dous cuartos destinados a almacenaxe e un vestiario, ademais da parcela exterior na que se aparcan os vehículos e se dispón de maquinaria, elementos de sinalización e outros activos para o traballo de mantemento de estradas.