Noticias

A Deputación de Pontevedra reafirma a súa colaboración coa Asociación Alborada cunha achega de 15.000 € para o seu programa "Verdear"

O programa está a beneficiar a unha trintena de persoas de entre 30 e 60 anos, e conta con actividades formativas, ocupacionais, terapéuticas, de lecer e de emprendemento


16 setembro 2021
Visita a Asociación Alborada

A deputada de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias, e o deputado de Cooperación, Santos Héctor, visitaron as instalacións en Cabral de Alborada, asociación cidadá de loita contra a droga, nas que se desenvolve o programa "Verdear", para o que a Deputación de Pontevedra destina este ano 15.000 euros. O proxecto, que conta cun período de actuación anual, está a beneficiar a unha trintena de persoas da área de Vigo e dos centros asistenciais e concellos que non contan con recursos de apoio educativo e social para o seguimento e ocupación das persoas con condutas aditivas.

O programa "Verdear" está pensado para crear un espazo saudable que favoreza a continuidade dos procesos de tratamento das persoas con condutas aditivas e das súas familias, mellorando a súa calidade de vida a través da integración social activa. Así, entre os seus obxectivos destacan a presentación de cursos de agricultura tradicional galega; accións de emprendemento; repartición de alimentos; acompañar ás persoas que o precisen nas xestións necesarias para a continuidade terapéutica, educativa, social e xudicial; visitar programas e proxectos que melloren o coñecemento sobre agricultura ecolóxica e a promoción de rutas de sendeirismo e bicicleta con outras entidades. Ademais, estase a preparar tamén un programa de actividades para a celebración do 40 aniversario de Alborada que axude a promover a imaxe social, facendo fincapé nas mulleres e nas persoas máis vulnerables. 

As actividades do proxecto desenvólvense nun horario de 7:30 a 15:00 horas, de luns a venres, e contan cunha tipoloxía de actividades moi variada: formativas, con cursos en agricultura ecolóxica, xardinería e peón forestal; ocupacionais, para o mantemento da horta, transformación de produtos e mellora das instalacións; de lecer, con saídas culturais, deportivas e laborais; de emprendemento, para promover a inserción laboral e o traballo autónomo; terapéuticas, cuxo seguimento se realizará nos centros asistenciais de orixe e de acompañamento. A iniciativa conta cun completo proceso de avaliación, no que se estudará por unha banda o comportamento das persoas, desde que inician ata que rematan o programa e, por outra, as actividades, cunha análise da consecución dos obxectivos previstos este ano.

A Asociación Alborada constituíuse en 1982 coa apertura da Comunidade Terapéutica Alborada, á que moi pronto se lle sumaron a Unidade Asistencial de Drogodependencias e o Centro de Día. Na actualidade, esta asociación cidadá de loita contra a droga proporciona unha formación e ocupación continuada en agricultura ecolóxica e medio ambiente, segue adiante coa adaptación dos espazos para un mellor funcionamento do programa e prepara unha proposta que contempla actuacións de emprendemento na área metropolitana de Vigo no marco do programa "Verdear".

Fotos