Noticias

A Deputación proxectará unha actuación singular para unir o centro de Bueu coa praia de Beluso

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, recolleu hoxe nunha reunión as peticións en materia de infraestruturas viarias do alcalde de Bueu, Félix Juncal


24 mai 2016
Bueu

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, asegurou hoxe que a Deputación estudará a viabilidade dunha actuación singular para mellorar os tránsitos peonís na estrada provincial que une o núcleo urbano de Bueu e a praia de Beluso. O responsable provincial fíxose eco así da petición do alcalde do concello do Morrazo, Félix Juncal, quen expuxo a posibilidade de realizar unha senda peonil bordeando a costa para garantir a seguranza viaria dos peóns que se trasladan a pé ata o areal.

Esta posible actuación foi debatida no encontro que hoxe mantiveron o deputado Benítez e o alcalde, no que tamén estiveron presentes a directora de Mobilidade da Deputación, Isabel Pardo de Vera; o deputado e concelleiro Xosé Leal e o concelleiro Fidel Castro. A reunión abordou as peticións en materia de infraestruturas viarias solicitadas polo rexedor, e que se dividiron en tres bloques. A primeira das peticións centrouse na necesidade dun correcto mantemento das estradas provinciais no municipio, cuestión na que Benítez se comprometeu a traballar, xa que "unha das prioridades do novo goberno provincial é manter a rede de vías de titularidade provincial en bo estado, posto que é un factor fundamental de seguranza viaria".

Por outra banda, Juncal expuxo a Benítez unha serie de demandas "históricas" realizadas dende o Goberno de Bueu sistematicamente á Deputación provincial. O rexedor puxo sobre a mesa a necesidade de rematar as obras da EP-1306 Portela-Ermelo, na que a pesares de facer obras hai dez anos aínda falta a última capa de aglomerado asfáltico e unha correcta sinalización horizontal. Así mesmo, en relación a esta mesma vía, tamén pediu a urbanización do treito que vai entre a PO-551  e a aldea de Meiro.

Tamén se solicitaron melloras para a EP-1302 entre Beluso e Cabo Udra (Rúa Nova e zona da Rosa), onde se pretende a instalación dunha capa de aglomerado e a creación de espazos de tránsito peonil seguros. Finalmente, dentro do segundo bloque de peticións, Juncal salientou a necesidade de anchear a EP-1303 entre Banda do Río-Portela, no treito que vai da igrexa ao cemiterio debido ao gran tránsito de vehículos, incluso de grandes dimensións, xa que da servizo ao parque empresarial próximo. Esta vía, segundo asegurou o alcalde, presenta grandes problemas de seguridade para os peóns, que transitan ao carón dos coches a pesares de non ter beiravía.

Finalmente, Benítez escoitou a petición para mellorar a EP-1309 de acceso á praia de Beluso, que une o areal co centro urbano e non conta tampouco con beiravías. Neste caso, expúxose a posibilidade de realizar unha urbanización creando un itinerario peonil que sexa singular, de xeito que o tránsito de persoas se poida facer mediante unha senda que bordee a costa por zonas de dominio público. A elaboración deste proxecto, que requiriría de estudos e autorizacións sectoriais, quedou de ser estudada polo deputado e debatida cos técnicos provinciais.

Noutra orde de cousas, a reunión entre Benítez e os representantes do Concello de Bueu abordou tamén as solicitudes de calmado do tráfico realizadas ao abeiro do Plan MÓVESE, polas que se pretenden implantar pasos de peóns sobreelevados, redutores de velocidade e zonas 30. Bueu conta con dez estradas provinciais que suman case 24 quilómetros de lonxitude.