Noticias

A Deputación protexe un noiro na estrada de Nigrán a Vincios ao detectar signos de erosión trala vaga de lumes do ano 2017

O deputado Gregorio Agís anuncia que se fará un seguimento para valorar a evolución destas obras, valoradas en 31.000 euros


15 febreiro 2021
Obras en Nigrán

A estrada provincial EP-2102, que une Nigrán con Vincios, recuperou a normalidade tralo remate das obras de consolidación dun gran noiro que estaba a sufrir os efectos da erosión. A Deputación actuou preventivamente para evitar desprendementos e instalou unha estrutura metálica de protección cunhas obras de emerxencia valoradas nuns 31.000 euros. As obras, que concluíron hai uns días, foron visitadas hoxe polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, acompañado do alcalde, Juan González, e varias concelleiras e concelleiros.

Os traballos, que se prolongaron durante algo máis de dous meses, corrixiron os problemas detectados no p. q. 4+100 desta estrada provincial ao longo duns 120 metros. Para garantir a seguridade viaria instalouse unha malla metálica especial con ancoraxes á rocha. A estabilidade garántese tamén coa suxeición por medio de bulóns de 60 metros de longo por 9 de altura. Previamente fíxose un saneo de toda a zona, retirando materiais soltos ou con risco de desprendemento. Para rematar fíxose unha hidrosementeira.

Gregorio Agís explicou que os efectos da erosión ían deixándose notar nesta zona, moi batida polos lumes de 2017, acentuando así os arrastres das choivas. "É unha zona complicada pola altura do noiro e a forte pendente, despois de valoralo chegamos á conclusión de que era necesario protexela con malla. A prevención é fundamental en cuestións de seguridade viaria e había que actuar antes de que se producira algún problema", explicou. O deputado, que agradeceu a colaboración do Concello de Nigrán, por ter advertido do problema, anticipou que os servizos técnicos farán un seguimento á evolución da obra a efectos de valorar se son necesarias actuacións complementarias.

O alcalde de Nigrán lembrou o gran impacto dos lumes forestais nesta estrada que une Camos e Chandebrito, xerando un problema de erosión cuxos efectos seguen producíndose a día de hoxe. Lembrou que xa hai ano e medio foi necesario colocar unha barreira para evitar que os pequenos desprendementos de pedras chegasen á estrada e agora compleméntase con esta nova obra "deixando así ben protexido un tramo duns 300 metros". "É unha alegría que a Deputación nos escoite e que o que os veciños nos piden a nós se faga realidade", engadiu, lembrando que foi a propia veciñanza a que primeiro detectou o perigo neste punto.

Finalmente, o alcalde lembrou que o Concello de Nigrán mantén unha constante colaboración coa Deputación como tamén se evidencia cos traballos, actualmente en marcha, para redactar os proxectos das sendas peonís entre Camos e Chandebrito, nesta mesma estrada, e a senda de Parada, na EP-2106. "Son dúas actuacións coas que estamos moi ilusionados e estamos desexando ver os proxectos", destacou.