Noticias

A Deputación prorroga o contrato de rozas das estradas provinciais

O deputado Uxío Benítez explica que se quere garantir que "as marxes da rede provincial estean correctamente saneadas" ata que se adxudique o grande contrato de conservación viaria previsto para 2018


24 novembro 2017
estrada

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a prórroga do acordo marco que regula o servizo de rozas nas marxes das estradas de titularidade provincial. O motivo deste aprazamento, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, é garantir que as cunetas e marxes da rede viaria provincial estean saneadas e en correcto estado de mantemento ata que se adxudique o grande contrato de conservación viaria previsto para 2018.

Deste xeito, pódense planificar as actuacións inminentes e ata comezos do verán (data na que se prevé comecen a traballar as novas adxudicatarias) e garántese a cobertura na primavera, cando se debe actuar nas estradas para evitar problemas na época estival. É preciso lembrar, en calquera caso, que as brigadas provinciais continúan a ser as principais responsables do correcto mantemento e mellora das estradas de titularidade da Deputación, tendo que complementar e supervisar as actuacións contratadas externamente para garantir a calidade dos traballos.

A actuación das empresas nos vindeiros meses consistirá na roza e limpeza de cunetas e marxes do viario con medios mecánicos (motoniveladora), retirando pequenas plantas, maleza e broza, así como na retirada do produto resultante a un vertedoiro autorizado.

Os traballos realizaranse en oito lotes. O primeiro lote realizarase nos concellos de Barro, Meis, Ribadumia, Meaño, Cotobade e Campo Lameiro. O lote número dous está vencellado á área que forman os concellos do Morrazo (Cangas, Moaña, Bueu, Marín e Vilaboa), así como Pontevedra, O Grove, Sanxenxo, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Cambados.

O terceiro lote é para a área da brigada con base no polígono de Botos en Lalín, que abrangue os concellos de Lalín, Rodeiro, Vila de Cruces, Agolada e Dozón. No cuarto lote están os concellos de Soutomaior, Redondela, Pazos de Borbén, Mondariz e Fornelos de Montes. O quinto lote é o dos concellos con base no parque de Ponteareas, e beneficiará á area de Ponteareas, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, As Neves, Arbo, A Cañiza, Crecente, Covelo, Mondariz e Mondariz Balneario.

O sexto lote, con base en Codeseda, abrangue parte da zona Norte, nos concellos de A Estrada, Cuntis, Caldas de Reis, Catoira, Valga, Ponte Cesures e parte de Silleda. O lote número sete corresponde á área da brigada con sé en Gondomar, que da servizo aos concellos do Porriño, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Gondomar e Vigo, e o lote número oito mellorará estradas provinciais que son atendidas desde o parque de Codeseda nos concellos de A Estrada, Silleda, Forcarei, Cerdedo e Cotobade.

Novo contrato

O novo contrato de conservación ordinaria da rede viaria provincial está planificado para catro anos. Inclúe dúas campañas anuais de rozas, unha de campaña limpeza e reapertura de gabias cada catro anos, e un repintado de marcas viarias cada catro anos, operacións de atención de incidencias como a retirada e limpeza de aterramentos, saneo de noiros, estabilización con muros, execución de colectores ou drenaxes,  colocación ou reparación de sinalización vertical, balizamento e sistemas de contención de vehículos, entre outras cuestións.

Este contrato, que permitirá agrupar en tres zonas as adxudicacións de obras, servizos, sinalización e subministro de materiais que xa se adxudicaban ata o de agora externamente para completar as actuacións das brigadas provinciais ten un orzamento inicial de 20.711.149,63 euros (3.915.701 euros por exercicio). As empresas interesadas en participar están en prazo para presentar as súas ofertas ata o 20 de decembro. A intención é que os contratos se poñan en marcha o máis rápido posible ao longo do 2018.