Noticias

A Deputación proporá unha mellora integral da vía provincial que une A Cañiza coa A-52

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse hoxe co alcalde, Miguel Adolfo Domínguez, e ofreceu asesoramento provincial para ordenar a rede de estradas que atravesa o núcleo urbano


30 mar 2016
A Cañiza

Os técnicos do departamento de Mobilidade da Deputación, dirixidos polo deputado Uxío Benítez, elaborarán unha proposta de mellora integral para a estrada provincial que une A Cañiza coa A-52. Así llo indicou hoxe o propio deputado ao alcalde deste concello da comarca da Paradanta nunha reunión na que tamén estiveron a directora de Mobilidade, Isabel Pardo de Vera, e o asesor Jesús Fole, por parte da institución provincial.

Benítez escoitou as peticións do rexedor e manifestou a súa intención de que "os técnicos provinciais propoñan un tratamento xeral de urbanización para a EP-5005 solucionando así a intersección da vía estatal coa de titularidade provincial, xa que se trata da principal entrada cara ao núcleo urbano do municipio". Así mesmo, o deputado entendeu a necesidade de deseñar unha conexión peonil nesta vía desde a zona do campo de fútbol e o cemiterio ata o centro da vila, cuestión que tamén se recollerá na proposta para a estrada. "Esa actuación -asegurou- entronca perfectamente co decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais que aprobou o novo goberno provincial e que pretende primar a mobilidade dos peóns sobre os vehículos a motor". 

No encontro de traballo tamén se puxo de manifesto a complexa rede arterial que cruza o núcleo da Cañiza, con diferentes estradas tanto provinciais, autonómicas coma locais. Benítez formulou a posibilidade de que os técnicos da Deputación poidan asesorar os traballadores do Concello na posta en orde desa rede viaria, aconsellando incluso a redacción dun estudo de mobilidade global. Domínguez Alfonso solicitou, neste sentido, a realización de pequenas propostas para as vías provinciais no contorno urbano. 

En canto ás obras de mellora do contorno do santuario da Franqueira, dependentes da Deputación e incluídas no convenio coa Secretaría Xeral de Turismo, o deputado provincial sinalou que o seu departamento iniciará contactos co Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia para acadar os permisos pertinentes e desbloquear a actuación de xeito definitivo. "Queremos que a solución executada sexa tecnicamente axeitada, esteticamente do gusto de todas as partes e cumpra coa filosofía do goberno provincial", sinalou, para lembrar que, ademais de reformar urbanisticamente a zona, se incluirán melloras de sinalización turística. Tamén se buscará solución para desbloquear o proxecto da actuación en Ponte das Achas. 

Finalmente, na reunión abordáronse outras melloras de seguranza viaria e limitación de velocidade que o Concello da Cañiza solicitou ao abeiro do Plan MOVESE e que se están a estudar nestes momentos polos técnicos provinciais.