Noticias

A Deputación de Pontevedra proporalle á Xunta a transferencia do viaduto de Catoira

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, recibiu hoxe o alcalde catoirense para falar da mellora da rede de estradas provinciais no municipio


02 mar 2016

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e a nova directora de Mobilidade da institución, Isabel Pardo de Vera, reuníronse hoxe co alcalde de Catoira, Alberto García, para falar da mellora da rede viaria provincial dentro do municipio. Unha das iniciativas que porá en marcha o novo goberno provincial, a instancias do rexedor, será traballar para transferirlle á Xunta de Galicia o viaduto que comunica o Concello coa provincia da Coruña. Outra das propostas que se tratou no encontro foi a urbanización da EP-8703 Dimo-Coaxe, así como todas as actuacións que a Deputación pontevedresa ten previstas en Catoira ao abeiro do Plan MOVESE, que pretende mellorar a seguranza viaria das estradas mediante o calmado do tráfico.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade os servizos técnicos provinciais están a valorar nestes momentos cales son as melloras que se executarán grazas ao Plan MOVESE, que consisten en instalar pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos da velocidade e zonas 30 nas vías de titularidade provincial. Cómpre lembrar que o concello de Catoira conta con seis vías provinciais, cunha lonxitude total de máis de oito quilómetros, nas que hai puntos de maior densidade peonil que precisan dunha actuación para garantir a mobilidade a pé dos veciños.

Ademais destas actuacións, que financiará integramente a Deputación, o alcalde formuloulle a Benítez a posibilidade de que a ponte de Catoira que une a provincia de Pontevedra coa da Coruña (EP-8001) deixe de ser propiedade provincial e lle sexa transferida á Xunta. Benítez manifestou o seu compromiso de estudar esta transferencia e indicou que, en vindeiras datas, se porá en contacto coa Deputación da Coruña (titular da outra metade da ponte), coa finalidade de chegar a unha proposta común para facerlles aos responsables de infraestruturas do goberno galego. "Trátase dun vial de carácter interprovincial, cunha gran densidade de tráfico, que ten todas as características dunha infraestrutura propia da Xunta", sinalou o nacionalista.

Por outra banda, Benítez escoitou a petición de Alberto García para urbanizar a EP-8703 entre Dimo e Coaxe, que ten unha lonxitude de 3,3 quilómetros. O rexedor subliñou a importancia de realizar unha actuación, sobre todo no contorno da igrexa da parroquia de Dimo, polo constante movemento de viandantes. Así mesmo, lembrou que existe un proxecto que xa lle fora enviado á Deputación para facer os traballos, documento que non consta dentro do servizo de Mobilidade provincial e que lle terá que ser remitido novamente para a súa valoración. Alberto García agradeceulle a Benítez a reunión e o interese mostrado polas infraestruturas viarias en Catoira, xa que asegurou que o anterior goberno provincial apenas tiña en conta o municipio.