Noticias

A Deputación promove a formación das empresas navais galegas na industria 4.0 a través dun proxecto transnacional

A institución vén de impartir a principal iniciativa formativa prevista no Proxecto IN 4.0 e dá agora o relevo ao Reino Unido, que se suma a Irlanda, Francia, Portugal nas accións para proporcionar ao persoal do naval habilidades para adaptarse á tecnoloxía


29 setembro 2021

A Deputación de Pontevedra vén de realizar a principal acción formativa prevista no Proxecto IN 4.0, que a institución lidera e no que participan entidades de Galicia, Euskadi, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda co obxectivo de adaptar o sector da construción naval ao modelo de industria 4.0. En concreto, a Deputación acaba de impartir o curso "Xestión da innovación: o modelo da industria 4.0 nas empresas de construción e reparación naval", deseñado por todos os socios do programa, baixo a coordinación da institución, que se encargou de desenvolver a plataforma de e-learning.

Nesta actividade participaron 30 persoas procedentes de empresas da cadea de valor da industria naval, como estaleiros de construción e reparación, fabricantes de válvulas e provedoras de servizos relacionados coa electricidade, a soldadora ou a enxeñería, e o obxectivo da acción foi proporcionarlles as habilidades e coñecementos necesarios para adaptarse á industria 4.0. Impartiu a docencia, que se desenvolveu de xeito telemático, Alejandro Balsa, enxeñeiro industrial con máis de 12 anos de experiencia en proxectos relacionados coas ferramentas tecnolóxicas e o I+D+I. Os perfís do alumnado estaban relacionados con cargos de xestión e responsabilidade, como persoas técnicas de desenvolvemento de tecnoloxías 4.0, project managers, enxeñeiros/as de proxectos e de sistemas de loxística integrados e directores/as e técnicos/as.

Este curso, como o proxecto IN 4.0, ten un carácter transnacional e despois de España agora comezará no Reino Unido, tralas formación xa iniciadas tamén en Irlanda, Francia e Portugal. Entre todos os cursos postos en marcha a nivel internacional, a acción xa conta con 347 persoas matriculadas, que agora se incrementarán coas de Reino Unido. Os coñecementos adquiridos a través desta iniciativa polo alumnado axudarán ás empresas a realizar unha análise das solucións e tecnoloxías 4.0 máis apropiadas, a diagnosticar o punto de partida para a súa dixitalización e a elixir o estilo de liderado e perfil cultural que asegure o éxito da transformación dixital, entre outros conceptos. Deste xeito, esta formación transnacional converterase nun recurso que as empresas navais poidan adaptar e utilizar en calquera momento.

A posta en marcha deste curso é unha das actividades principais do Proxecto IN 4.0, cuxo obxectivo é mellorar a competitividade das empresas do sector naval mediante a adaptación ao modelo produtivo da industria 4.0, a fin de garantir a súa continuidade nun mercado onde a innovación é un factor clave de posicionamento estratéxico. Esta iniciativa, cofinanciada polo programa europeo Interreg, está liderada pola Deputación de Pontevedra en consorcio con 10 socios de cinco países do Arco Atlántico Europeo, entre eles, tres galegos: Deputación de Pontevedra (DEPO), Bretagne Pôle Naval (BPN), Cork Institute of Technology (CIT), Fórum Oceano, Asociación Clúster do Naval Galego (ACLUNAGA), University of Strathclyde, Foro Marítimo Vasco (FMV), Pôle de compétitivité EMC2, Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME) e High Speed Sustainable Manufacturing Institute Ltd. (HSSMI).

Os logros

Ata agora, os avances do proxecto permitiron identificar as cinco tecnoloxías cun maior grao de madurez para implantarse no sector naval: a visión artificial, a realidade aumentada, a monitorización, a robotización e as plataformas colaborativas.

O proxecto tamén permitiu o lanzamento da plataforma online  IN 4.0 Connect, un punto de encontro entre as empresas navais e as entidades xeradoras de tecnoloxía 4.0, que facilita o networking e o intercambio de experiencias con outros sectores. Hai inscritas xa máis de 200 empresas nesta ferramenta, procedentes dos cinco países, pero o acceso está aberto a todas as entidades que o desexen. IN 4.0 conta amais cunha serie de accións orientadas a poñer en práctica os coñecementos desenvolvidos ao longo das distintas iniciativas realizadas. Para elo desenvolveuse unha metodoloxía de autodiagnóstico baseada en 50 indicadores, que permitirá ás empresas avaliar as súas capacidades e necesidades reais á hora de escoller as mellores tecnoloxías para mellorar os seus procesos produtivos. Esta metodoloxía implementarase en dez proxectos piloto de empresas dos cinco países participantes e, no caso de Galicia, xa se están a xestar nas firmas Ibercisa e Neuwalme, co apoio de Aclunaga.