Noticias

A Deputación presenta as novas rutas por cemiterios históricos da provincia que este ano serán a través de roteiros literarios

Haberá visitas guiadas por tres cemiterios singulares: San Mauro (Pontevedra), Santa Mariña de Dozo (Cambados) e Pereiró (Vigo)


11 outubro 2018
Rueda de prensa de Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra vai desenvolver neste mes de outubro, por segundo ano consecutivo, unha serie de roteiros por cemiterios históricos da provincia, aínda que este ano como novidade serán visitas centradas no patrimonio literario e artístico. O fío condutor van ser personaxes da literatura e do mundo das artes, relacionados con cada un dos camposantos, que van ir guiando os distintos roteiros para coñecer máis polo miúdo cada un deles.

A iniciativa vaise desenvolver en tres cemiterios: o de San Mauro (Pontevedra), o de Santa Mariña de Dozo (Cambados) e o de Pereiró (Vigo). As visitas serán os domingos 21 e 28 de outubro e comezarán ás 11 da mañá na entrada de cada camposanto. Os roteiros son completamente gratuítos. Haberá un número limitado de 25 persoas por grupo, debido ás especiais características dos lugares que se visitan.

Desde mañá, día 12 de outubro, xa se pode reservar praza para esta iniciativa. A partir das 9 da mañá, haberá que enviar un correo electrónico á dirección visitasguiadas@depo.es e as entradas iranse adxudicando por orde de inscrición ata completar aforo. No correo de reserva, as persoas interesadas teñen que indicar o número de persoas que queren ir co seu nome e apelidos (máximo de 4 por cada reserva), que día e que ruta escollen e un teléfono de contacto.

Tal e como destacou a presidenta, esta iniciativa enmárcase na estratexia da Deputación de pór en marcha proxectos para desestacionalizar o turismo na provincia e "para poñer en valor o noso patrimonio e a nosa cultura. Preténdese poñer en valor así un atractivo máis dos que se poden atopar na provincia de Pontevedra, que ademais se potencian fóra da temporada na que se soen recibir máis visitantes". Cómpre ter en conta tamén que, nos últimos anos, descubrir a historia dos lugares a través dos seus camposantos é algo moi en auxe, que se está convertendo nunha nova forma de visitar as cidades.

Máis polo miúdo, no cemiterio de Pereiró, o máis extenso de Vigo, a través da figura de Concepción Arenal, interpretada por unha actriz, as persoas que participen nesta iniciativa poderán coñecer a orixe e a historia deste camposanto, a súa capela neogótica, o cemiterio civil ou a pegada dalgúns personaxes destacados como Urbano Lugrís, José María Álvarez Blázquez ou Tomás Argüelles.

No camposanto pontevedrés de San Mauro, o fío condutor da visita vai correr a cargo de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Cemiterio proxectado polo famoso arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmero, no percorrido poderanse coñecer as diferentes etapas e os diferentes espazos, como a capela de San Mamede, o cemiterio civil, o lugar onde está Alexandre Bóveda ou detalles de persoas destacadas do mundo das artes e das letras como Indalecio Armesto ou Daría González.

O cemiterio de Santa Mariña de Dozo, en Cambados, está declarado Monumento Histórico Artístico e inclúese na Rede Europea de Cemiterios Singulares. Neste caso, a visita realizarase por medio da figura de Josefina Blanco, destacada actriz de teatro de finais do século XIX, que foi tamén esposa do escritor Valle Inclán. "Pero nós non queremos destacar que foi a muller de Valle Inclán, nós queremos salientar que foi unha importante actriz de teatro de finais do século XIX que, como era parella de Valle Inclán, pasou desapercibida e quedou no esquecemento. Pois nós, unha vez máis, traballamos para que iso non ocorra, porque hoxe, máis que nunca, é necesario visibilizar ás mulleres".