Noticias

A Deputación presenta a candidatura do piñeiro araucano do castelo de Soutomaior a Árbore Europea 2019

A deputada de Areeiro Eva Vilaverde destaca as súas características morfolóxicas e a historia que acompaña á árbore senlleira


25 outubro 2018
A deputada de Areeiro Eva Vilaverde

A Deputación de Pontevedra quere que o piñeiro araucano dos xardíns do castelo de Soutomaior sexa declarado ‘Árbore Europea do 2019'. A deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, instou a toda a cidadanía a votar na páxina http://arboleuropeo.es/vota-arbol-del-ano-en-espana-2019/ pola árbore pontevedresa, a única galega entre as dez candidatas do Estado español que opta a pasar á fase europea do concurso.

A deputada destacou que a candidatura encádrase dentro da campaña que fai a Estación Fitopatolóxica para poñer en valor todo o patrimonio natural e paisaxístico que hai na provincia. "Consideramos que é importante dalo a coñecer e poñelo en valor, porque somos un país especialmente rico en patrimonio natural e medioambiental. Hai que informar e formar sobre el para que se poida respectar e ao mesmo tempo coidar", apuntou.

Vilaverde destacou que hai múltiples motivos polos que destacar o piñeiro araucano como peza botánica, tanto desde o punto de vista da súa morfoloxía como pola súa historia dentro do castelo de Soutomaior. De feito, a Araucaria araucana ten uns 150 anos, alcanza os 27 metros de altura –é das máis altas de España- e ten 2,67 metros de perímetro basal–está entre as de maior envergadura de Europa-, conta cunha verticalidade case perfecta e comeza a súa copa aos 21 metros. Trátase dun dos exemplares da flora alóctona galega máis notable do ‘Catálogo de árbores e formacións senlleiras de Galicia' desde a súa creación (2007) e supón unha rareza, dado o pouco frecuente que é esta especie adulta no país.

A importancia desta árbore é tal, segundo apuntou a deputada, que existen numerosas referencias bibliográficas da súa existencia. As primeiras datan de 1879, no diario político ‘La época', onde se fala dos "seus brazos puntiagudos como ferros de lanza, tan lindos á vista como ingratos ao tacto". A árbore tamén está referenciada no libro ‘Árboles chilenos del mundo' escrito por Rodigo Fernández Cargo, unha recompilación en grande formato con 60 historias de especies chilenas que medran en diferentes partes do mundo e que inclúen no capítulo quinto a árbore pontevedresa. Outra das citas está na web monumentaltrees.com, onde se recollen as pezas botánicas máis salientables do planeta.

Desde a Deputación, explicou Vilaverde, baralláronse moitas opcións para participar no concurso, mais a araucaria foi a decisión definitiva tamén polo valor engadido das súas referencias históricas e culturais, xa que é "testemuña viva" da historia do castelo de Soutomaior e das xuntanzas políticas do século XIX, así como tamén da vida da agora xa coñecida feminista adiantada á súa época, María Vinyals.

Descoñécese o ano exacto da súa plantación, pero sábese que pertence á arboreda orixinal do parque do castelo creado durante o proxecto de axardinamento na época do marques de la Vega de Armijo, cando tivo lugar a transformación botánica con motivo da restauración global do castelo. Posteriormente, trala morte do marqués, a propiedade foi herdada pola súa sobriña que, unha vez casada, trasladou a súa residencia ao castelo e converteuno nun sanatorio que foi publicitado xunto ao xardín nos xornais de máis difusión da época.

Promoción

A deputada Eva Vilaverde destacou que a Deputación iniciará unha campaña de promoción para dinamizar a votación a favor da araucaria a través tanto da súa web como das súas redes sociais. Tamén resaltou que se enviará información específica sobre a árbore senlleira aos centros escolares para que a raíz desta convocatoria a poidan coñecer e visitar, así como tamén a institucións e entidades de educación ambiental.

"Hai que poñer en valor todo este patrimonio natural para que se coñeza a árbore e tamén para visibilizar tamén os xardíns do castelo, que teñen unha grande importancia botánica e que nos parecen un recurso turístico concreto e específico, así como un exemplo máis dos recursos naturais que hai en toda a provincia. Pensamos que este concurso é unha desculpa moi axeitada para traballar desde o punto de vista ambiental, cultural e turístico", asegurou Vilaverde.

A votación para designar ao representante do Estado español na fase europea finalizará o próximo 23 de novembro. Entón un dos dez exemplares preseleccionados polo comité de expertos de Bosques sen Fronteiras (coa colaboración do Ministerio de Agricultura) será o designado para pasar á fase europea (do 1 ao 28 febreiro de 2019). A votación pode facerse directamente na páxina http://arboleuropeo.es/vota-arbol-del-ano-en-espana-2019/ ou tamén a través de depo.gal, onde hai banners de enlace directo para deixar o apoio.

Os competidores do piñeiro araucano pontevedrés están fundamentalmente na franxa mediterránea: piñeiro laricio de La Yesa (Valencia), pinsapo de Grazalema (Cádiz), algarrobo de Foia Brell (Alicante), piñeiro da Virxe (La Palma), olmo de Navallas (Castellón), amendoeiro Real (Badaxoz), olivo Milenario ‘La Farga del Arión' (Tarragona), palmeira imperial (Elche) e piñeiro de Roble de Peñascosa (Albacete).

Concurso Árbore do Ano

O concurso da Árbore Europea do Ano creouse no ano 2011 como continuación do popular concurso popular Árbore do Ano que na República Checa durante moito tempo organizou a Fundación Alianza (Nadace Partnerství).

O obxectivo de Árbore Europea do Ano é destacar as interesantes árbores senlleiras como un importante patrimonio natural e cultural que apreciar e protexer. Todos os anos participan no concurso decenas e ata centenares de miles de persoas e o número dos países participantes aumentou dos 5 orixinais a 15.

Audios

  • Audio