Noticias

A Deputación presenta a campaña de igualdade que realizará no SonRías Baixas aos colectivos de profesionais de Bueu chamados a intervir

Persoal do CIM e do concello, axentes de igualdade e representantes da Garda Civil e da Policía Local coñeceron de primeira man as campañas #Lembraeudecidotirespectas e #Contacomigoeurespectote


02 agosto 2018
Campaña de igualdade SonRías Baixas

A Deputación de Pontevedra, no marco das accións da campaña de igualdade que está a estender durante este verán con motivo dos #RíasBaixasFests, entre os que se atopa o SonRías Baixas, convocou no concello de Bueu unha reunión informativa na que se presentaron as campañas #Lembraeudecidotirespectas e #Contacomigoeurespectote. A través desta actuación, posta en marcha pola institución provincial por segundo ano consecutivo, preténdese informar e previr as violacións en cita e as agresións por submisión química.

Na reunión participaron desde a psicóloga e avogada do CIM de Bueu, ata persoal do concello, axentes de Igualdade, e representantes da Garda Civil de Marín e da Policía Local de Bueu, que se encargarán de velar polo normal desenvolvemento do evento e garantirán a seguridade de tódalas persoas asistentes ao SonRías Baixas, que se estenderá desde hoxe ata o sábado na vila. Durante o encontro, explicáronse os obxectivos das campañas de igualdade postas en marcha pola Deputación de Pontevedra e fíxose fincapé en que, este ano, estase a dar un paso máis cara a implicación das mozas e mozos na campaña coa finalidade de que amosen o seu rexeitamento ante este tipo de conductas, non sexan cómplices e se sitúen fronte aos agresores ao tempo que se promoven relacións en igualdade baseadas no respecto.

Ademais da presentación das campañas, durante a reunión entregouse material informativo para situar no posto da Garda Civil, da Policía Local e nas dependencias municipais. Igualmente, facilitáronse recomendacións para unha axeitada atención desde a perspectiva de xénero ás vítimas deste tipo de delitos. Tamén se fixo énfase na importancia da perspectiva de xénero no marco dos traballos que se van realizar para garantir o normal desenvolvemento do festival e a seguridade das persoas participantes, amosando exemplos de boas prácticas que evitan a revitimización das vítimas e analizando os principais problemas que atopan as e os profesionais á hora de intervir.

O Goberno de Carmela Silva prevén realizar estas accións informativas e de coordinación cos colectivos de atención ao público en todos os concellos nos que se levarán a cabo os #RiasBaixasFests, co fin de proporcionar ferramentas e desenvolver protocolos de colaboración e coordinación ante unha posible agresión sexual.