Noticias

A Deputación de Pontevedra prepara o regreso do alumnado participante no programa Erasmus+ Practicum Depo

O 31 de maio remata o primeiro grupo tras concluír as súas prácticas preprofesionais en Italia, Portugal e Irlanda. A partir do 4 de xuño regresa o seguinte


24 maio 2020

A Deputación de Pontevedra está a organizar o regreso a España do alumnado do programa Erasmus+ Practicum Depo ante o remate das mobilidades que comezaron a principios de xaneiro, consistentes en prácticas preprofesionais durante estes meses en países da Unión Europea. Deste xeito, o 31 de maio regresa xa o primeiro dos grupos, con alumnas e alumnos procedentes de Italia, Portugal e Irlanda, e o seguinte grupo a partir do 4 de xuño. Coa finalidade de garantir a seguridade do alumnado ao longo de todo o proceso de regreso, a Deputación ten xa confirmados os voos e medios de transporte para a volta do primeiro grupo. Ademais, durante o proceso de regreso, a institución provincial vai realizar un seguimento individualizado de cada persoa e itinerario ata a chegada aos seus domicilios na provincia.

No marco do mesmo programa, e co obxectivo de permitir que o alumnado poida completar a súa mobilidade e reiniciar a actividade, parada con motivo do estalido da crise sanitaria, o Goberno de Carmela Silva acaba de aprobar novos recursos, por valor de preto de 20.000 €, para que catro alumnas e alumnos rematen o programa en Portugal, Malta e Irlanda e completen a súa formación. Neste eido, a actividade está previsto que se reinicie entre o 5 e o 23 de xuño e que as alumnas e alumnos continúen formándose nestes países ata setembro e outubro.

Durante a crise sanitaria a Deputación de Pontevedra estivo a coordinar co Goberno de España a repatriación voluntaria do alumnado que estaba en cidades europeas e que solicitou a volta pola crise da COVID-19. En total, das 35 alumnas e alumnos que estaban a participar no programa Erasmus+ Practicum Depo, 12 decidiron retornar á provincia de Pontevedra e 23 continuar a completar a súa formación en Italia, Portugal, Malta, Finlandia e Irlanda. Neste caso, a institución provincial mantivo xunto co SEPIE, Servizo Español para a Internacionalización da Educación, contacto diario con cada unha das alumnos e alumnos desprazados, realizando un seguimento persoal e dotándoos de información sobre a evolución da pandemia.