Noticias

A Deputación pon en valor as autoras e autores galegos no Día Internacional do Libro

Marilar Aleixandre, Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Francisco Castro, Domingo Villar, Inma López Silva, Manel Loureiro e Silvia Penas participan este xoves nun vídeo no que amosan as súas lecturas preferidas


22 abril 2020

As escritoras e escritores galegos converteranse este xoves nos grandes protagonistas da celebración da Deputación de Pontevedra do Día Internacional do Libro deste ano 2020. Despois dunha semana chea de actividades culturais en liña ao través da web provincial e das redes sociais, este día grande dos libros estará centrado nas referencias persoais de oito autoras e autores galegos contemporáneos e na súa particular invitación a ler a través das súas obras favoritas.

Nun vídeo que se colgará na páxina web da Deputación de Pontevedra e no que participará tamén a presidenta provincial, Carmela Silva, escritoras e escritores coma Pedro Feijoo, Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Ledicia Costas, Domingo Villar, Inma López Silva, Manel Loureiro e Silvia Penas compartirán os seus libros de referencia coas persoas que accedan á páxina da institución e ás súas redes sociais. Neste audiovisual agasallarán a cidadanía coa mellor literatura: "a que nos compromete, a que nos emociona, a que nos fai pensar, a que nos fai máis libres".

"Os libros están a ser fundamentais nestes días de confinamento; convertéronse nos nosos amigos máis fieis", afirma Carmela Silva. Por iso, pese a que a pandemia condiciona este ano a celebración, a presidenta da Deputación insiste en que estas circunstancias excepcionais "reforzan a necesidade de compartir cultura". De feito, con este audiovisual, a institución provincial pecha unha semana chea de cultura e de actividades que contou con outro vídeo para convidar a cidadanía a participar nunha viaxe a través de sete grandes obras da literatura universal de autoras e autores dos cinco continentes. O vídeo amosa un mapa virtual no que se fai parada en escritoras e escritores de referencia coma Rosalía e Cervantes, Harper Lee e Gabriel García Márquez, Mariama Bâ, Khaled Hosseini e Kate Grenville.

Desde a pasada fin de semana tamén se comparten nas redes sociais citas recoñecidas de escritoras e escritores da literatura galega e universal para conmemorar esta xornada, coma Cervantes, Italo Calvino, Virginia Woolf, Fina Casalderrey, Pablo Neruda, Jane Austen, Miguel Delibes, Ana María Matute, Francisco de Quevedo, Toni Morrison ou Simone de Beauvoir a través da etiqueta #adepocoalectura.

Sorteo do libro sobre María Vinyals

Ademais, ao abeiro do Día do Libro, a Deputación de Pontevedra organiza un sorteo cuxo premio será un exemplar da obra María Vinyals. A muller do porvir, do autor Diego Piay e da editorial Alvarellos. O concurso realízase a través das redes sociais do castelo de Soutomaior, concretamente no seu perfil de Facebook, e o prazo para participar é ata este xoves, ás 12 horas. O sorteo realizarase o venres, ás 13 horas.

Vídeos