Noticias

A Deputación pon en marcha un novo decálogo de criterios para actuar nas vías provinciais

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, asegura que se apostará polas "mobilidades amables nas que se prioriza ás persoas", cuns criterios "claros, obxectivos e transparentes"


16 dec 2015
Presentación dos novos criterios de actuación en vías de titularidade provincial
Presentación dos novos criterios de actuación en vías de titularidade provincial

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, presentou hoxe o novo decálogo de criterios para actuar nas vías provinciais. Este decálogo marca un "replantexamento profundo e conceptual das actuacións da institución provincial na rede de estradas, que pretende limitar as graves afectacións tanto a bens coma ao patrimonio edificado e ao territorio, ademais de seguir as novas tendencias das chamadas mobilidades amables que priorizan as persoas".

Benítez sinalou que as 377 estradas provinciais existentes, que suman 1.700 quilómetros construídos, non teñen na súa maioría nin as características nin a vocación para converterse en vías de alta capacidade que compitan coas doutras administracións. Asegurou, neste sentido, que as vías provinciais deben seguir criterios de máxima calidade no relativo a garantir a mobilidade dos colectivos máis vulnerables, "habitualmente mal resolta en canto a accesibilidade e comodidade nun espazo continuo de seguranza viaria".

Así mesmo, o deputado provincial sinalou que o decálogo obedece a un traballo de planificación no que se sosterán todas as iniciativas futuras en materia viaria da institución, tanto para as actuacións de iniciativa da Deputación coma para aquelas executadas mediante convenio cos concellos. "Quedan, por primeira vez, fixados uns criterios claros, obxectivos e transparentes" que coñecerán todos os alcaldes e concelleiros "e que non dependerán de decisións discrecionais".

Benítez explicou que a nova filosofía da Deputación, na que se priorizan os tránsitos peonís, leva aparellada unha reestruturación do Servizo de Infraestruturas da Deputación, que tamén modifica o seu nome para pasar a denominarse Servizo de Mobilidade.

Pola súa banda, o vicepresidente provincial, César Mosquera, manifestou na presentación do decálogo que, coa aplicación dos novos criterios de actuación, "se acaba unha etapa" na que había unha gran desproporción entre as necesidades reais en materia viaria e os recursos patrimoniais e naturais "estragados". "Pode que actuacións de ensanche, variantes e demais fosen necesarias hai anos, pero agora o de 'mete pala, tira muro, levanta muro' acabouse. Hai un cambio de posicionamento e de enfoque total e absoluto. Apóstase polo respecto ao medio natural e edificado", dixo.

En canto aos criterios concretos Mosquera fixo referencia á obriga de que todas as urbanizacións teñan beirarrúas de 2,5 metros de largo, marcando espazos de seguranza viaria para os peóns. "Antes establecíase que a Deputación costeaba o firme da calzada e as beirarrúas e servizos ían ao 50 % cos concellos, e estes deseñaban os proxectos con beirarrúas de 50 centímetros para ter que pagar menos. Esa situación ridícula vai rematar, xa que os criterios mínimos están moi claros", finalizou.

Sobre as medidas de calmado do tráfico Mosquera lembrou que se aplicarán zonas 30, pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade, entre outras actuacións. "A Deputación, en contra do que se pensa, foi a primeira institución na provincia que puxo lombos... se cadra un pouco agresivos... pero foi a primeira, antes do Concello de Pontevedra", subliñou.

Décalogo (pdf)