Noticias

A Deputación pon en marcha o proceso para a contratación da construción da senda peonil de Parada na EP-0206

A institución provincial abre o proceso de licitación, cun orzamento base de máis de 226.000 €, para mellorar a seguridade viaria entre Parada e Ponte Caldelas


10 marzo 2020

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha o proceso de licitación para a contratación da construción da senda peonil na estrada provincial 0206 Ponte Caldelas-Parada-Xustáns cun orzamento de base de máis de 226.000 €. En liñas xerais, con esta actuación, que se estende desde o punto quilométrico 0+000 ata o 2+000, mellorarase a seguridade viaria, repoñerase o firme da estrada, instalaranse luminarias, pasos peonís sobreelevados e redutores físicos de velocidade, colocaranse arquetas de rexistro, executarase unha nova sinalización horizontal e vertical, mellorarase a drenaxe superficial da vía e colocaranse tubaxes para un futuro soterramento de liñas de telefonía e electricidade.

O obxectivo principal desta obra é crear unha área reservada para viandantes na marxe dereita da estrada que unirá as beirarrúas existentes na PO-532 co núcleo de Parada, garantindo a seguranza viaria e o tránsito peonil desde Ponte Caldelas ata as numerosas vivendas existentes en Parada. Nestes momentos este treito presenta unha carencia de mobilidade segura debido á ausencia dunha zona reservada e acondicionada para as e os viandantes e rexistra un elevado número de persoas que transitan a pé por ela, xa que se trata dunha vía que sirve de unión entre Ponte Caldelas e Parada.

Mediante esta actuación vaise dotar a estrada dunha zona de tránsito segura para os colectivos máis vulnerables e vaise delimitar a circulación do tráfico rodado e peonil. Así, executarase unha senda peonil cunha anchura mínima de 2,5 metros e instalaranse pasos peonís sobreelevados e redutores físicos de velocidade de vehículos para asegurar o cumprimento da velocidade máxima permitida (30 quilómetros por hora en todo o tramo de Parada). Tamén se construirá un tramo de beirarrúa a distinto nivel da estrada no PQ 0+000 para darlle continuidade á que chega desde o núcleo de Ponte Caldelas.

Ademais vanse mellorar as instalacións coma a iluminación no tramo interurbano e a drenaxe de pluviais en todo o ámbito de actuación. Deste xeito, incrementaranse o número de puntos de luz existentes na actualidade, xa que a estrada conta unicamente con iluminación no núcleo de Parada, e instalaranse no tramo do primeiro quilómetro da estrada contemplando un punto de luz cada 50 metros aproximadamente. Tamén se mellorará a drenaxe de pluviais cunha rede de evacuación e arquetas de rexistro e se colocarán tubaxes para un futuro soterramento da liña de telefonía no primeiro tramo da actuación e da liña de telefonía e electricidade desde o cruceiro ata o final de actuación.

A mellora da estrada provincial EP-0206 contempla o fresado e reposición de firme e o repintado da sinalización horizontal en todo o ámbito da actuación, así como a sinalización vertical en todo o tramo indicado.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).