Noticias

A Deputación pon en marcha novas actuacións de conservación de firmes en 64 estradas provinciais que transcorren por 28 concellos

Estes primeiros traballos desenvolveranse na comarcas de Deza, Caldas, O Salnés, Pontevedra, Terra de Montes, O Morrazo e Vigo cun investimento de 2,1 millóns de euros


30 maio 2021
Convervación de estradas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde ás novas actuacións de conservación de firmes na rede viaria provincial, ao abeiro do acordo marco que regula estes traballos de mantemento nos 1.650 quilómetros de estradas provinciais. En concreto, estas primeiras obras que se van poñer en marcha abranguen traballos de conservación de firmes en 353 quilómetros de 64 estradas provinciais que transcorren por 28 concellos da provincia, cun investimento total de 2,1 millóns de euros.

Desenvolveranse en tres das seis zonas nas que divide a provincia o citado acordo marco. En concreto, na zona A (que corresponde á comarca de Deza) vanse realizar traballos por importe de 638.183 € en dez estradas provinciais dos concellos de Lalín (5), Dozón (1), Rodeiro (2), e Agolada (2). Son un total de 66,9 os quilómetros nos que se actuará.

Nas comarcas de Caldas e O Salnés (zona C), vanse realizar obras por importe de 634.076 € en 18 estradas dos concellos de Barro (1), Cambados (1), O Grove (1), Sanxenxo (2), Meaño (3), Meis (4), Ribadumia (2), Vilanova de Arousa (3) e A Illa (1), que en total suman 87 quilómetros.

E na zona D (comarcas de Pontevedra, Terra de Montes, O Morrazo e Vigo) actuarase en 36 estradas de Pontevedra (4), Vilaboa (1), Ponte Caldelas (2), A Lama (3), Cerdedo-Cotobade (2), Poio (3), Cangas (4), Moaña (2), Marín (4), Bueu (2), Fornelos de Montes (1), Redondela (3), Soutomaior (2), Moraña (1) e Campo Lameiro (2), cun orzamento de 878.598 €. Neste caso, a rede viaria na que se intervirá abrangue 199 quilómetros.

A Deputación aprobou a finais do pasado ano o novo acordo marco de conservación de firmes para a rede de estradas provinciais, que supón un investimento de máis de 4,4 millóns de euros, o seu principal obxectivo é preservar as características superficiais e estruturais dos firmes das estradas provinciais para garantir a súa viabilidade e, sobre todo, a seguranza viaria das persoas que as empregan. E, para iso, actuarase nas estradas provinciais, con operacións ao longo e ancho dos máis de 1.650 quilómetros que ten a rede provincial durante un ano, prorrogable a catro.

Deste xeito, a través do acordo marco de obras de conservación de firmes realizarase o mantemento dos firmes e a reposición da sinalización horizontal afectada, así como as operacións complementarias precisas para garantir a seguridade: desde reparación de fochancas, melloras de pavimentos, regas, reposición de mesturas, drenaxes, levantamentos de firmes, demolicións ou reconstrucións entre outras actuacións.