Noticias

A Deputación pon en marcha a Escola Provincial Pública de Formación en Igualdade María Vinyals

Esta escola, a primeira da provincia de Pontevedra, leva o nome da marquesa de Ayerbe, pioneira do feminismo galego, e situarase no castelo de Soutomaior, propiedade e residencia de María Vinyals


17 dec 2015
Escola Pública de Formación en Igualdade María Vinyals
Escola Pública de Formación en Igualdade María Vinyals

A aposta pola igualdade efectiva de mulleres e homes é unha cuestión prioritaria para o novo goberno da Deputación de Pontevedra. Para que a igualdade sexa real e efectiva a formación é imprescindible porque constitúe un activo fundamental para as mulleres, para as empresas e para a sociedade no seu conxunto. Neste eido a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a posta en marcha da Escola Provincial Pública de Formación en Igualdade María Vinyals.

María Vinyals, marquesa de Ayerbe, foi, en palabras da presidenta da Deputación, "unha das propietarias e moradoras do castelo de Soutomaior pero, sobre todo, unha das pioneiras do feminismo galego, nomeada académica da Real Academia Galega no ano 1906, firme defensora dos dereitos das mulleres; e así reclamaba, igual que o facemos hoxe, a formación, a igualdade xurídica entre mulleres e homes, solicitaba o voto feminino, así como que as mulleres ocupasen o posto que merecían na sociedade. Pero tamén era unha vangardista, xa que, nun momento no que a sociedade rexeitaba as mulleres creadoras, María Vinyals se dedicaba ás artes, ás letras, escribía para revistas estranxeiras e participaba activamente en faladoiros dos cafés madrileños, que, naquela época, estaban reservados aos homes. Por todo iso nos parece que elixir a esta gran muller é a mellor opción para nomear a Escola Provincial Pública de Formación en Igualdade".

A Escola Provincial Pública de Formación en Igualdade María Vinyals nace, tal e como informou Carmela Silva, "co obxectivo de crear un espazo que, ademais de impartir formación gratuíta e de calidade en materia de igualdade, sexa un lugar de encontro e intercambio de saber para as e os profesionais que traballan na loita contra a violencia machista, impulsando o coñecemento do que significa a igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes dende unha perspectiva transversal, integrándoa non só no coñecemento profesional senón tamén no  enriquecemento persoal".

A escola está destinada ao persoal que desenvolve o seu labor profesional na provincia de Pontevedra, aínda que se reserva un 20% de prazas a persoas desempregadas. Así, para o ano 2016 estase a programar unha serie de seminarios, accións formativas, congresos, charlas, etc., enfocada a tres colectivos:

  • Escola de profesionais contra a violencia de xénero: neste eido trátase de dar cobertura ás demandas formativas das e dos profesionais que traballan contra a violencia machista en cada un dos 62 concellos da provincia, impulsando a súa especialización na atención ás mulleres vítimas, así como no desenvolvemento de accións na loita contra a violencia machista.
    A presidenta da Deputación recordou que "onte mesmo morreu outra muller vítima da violencia machista e xa van 53 mulleres asasinadas no 2015, polo que, ademais dos actos de repulsa e os minutos de silencio para visualizar que estamos en contra, hai que pasar á acción. A través desta escola pretendemos dar un paso adiante e crear unha estrutura que permita dar unha atención adecuada ás vítimas da violencia machista".
  • Escola do persoal da Administración local: en concreto preténdese proporcionar formación, entre outras cuestións, para o uso da linguaxe inclusiva entre o persoal da Deputación de Pontevedra e dos 62 concellos da provincia. Neste contexto Carmela Silva destacou que "a linguaxe é un instrumento para crear pensamento, conviccións e formas de entender e relacionarse no mundo, polo que é fundamental fomentar a linguaxe non sexista".
  • Escola de electas: "é a primeira escola para mulleres electas da provincia de Pontevedra e ata diría que de Galicia, unha iniciativa que xa está en funcionamento noutras provincias e comunidades autónomas coma o País Vasco. Esta escola pretende proporcionar unha oferta formativa de calidade en materia de xestión pública en igualdade para concelleiras, alcaldesas, deputadas, senadoras ou presidentas, pero tamén crear unha rede na que teñan cabida todas as mulleres electas da provincia, independentemente da súa afiliación política, para reflexionar sobre a súa práctica, compartir experiencias e impulsar a posta en marcha de políticas públicas desde a perspectiva de xénero, para lograr, en definitiva, construír unha sociedade igualitaria entre mulleres e homes".

A Escola Provincial Pública de Formación en Igualdade María Vinyals situarase no castelo de Soutomaior. Neste sentido, a presidenta da Deputación destacou que "queremos que o castelo non sexa utilizado partidariamente senón para fins que enchen de orgullo a todas as pontevedresas e pontevedreses. Con esta escola, ademais, imos devolverlle ao castelo de Soutomaior unha parte da súa historia, xa que alí viviu unha muller que a finais do século XIX reclamaba cuestións que, lamentablemente, aínda seguimos a reclamar no século XXI. Estou segura de que se as pedras puidesen sorrir, sorrirían ao ver que María Vinyals e o seu espírito de igualdade van volver percorrer os recunchos do castelo de Soutomaior".


Novas relacionadas

Inauguración das xornadas sobre a violencia de xénero

15 xuño 2017, igualdad, igualdade, maría vinyals, violencia de género, violencia de xénero, escola de igualdade maría vinyals, escola maría vinyals