Noticias

A Deputación pon a punto as estradas provinciais para garantir a seguranza viaria das persoas que acoden ao santuario dos Milagres de Amil

O equipo de conservación viaria da zona centro da provincia traballará de maneira intensiva durante cinco xornadas no viario


30 agosto 2018
Obras estrada Amil Moraña

A Deputación de Pontevedra está a traballar para ter a punto as estradas provinciais que van cara o santuario dos Milagres de Amil en Moraña co gallo da celebración da romaría no santuario o vindeiro domingo día 9. As rozas e arranxos na EP- 0018 entre Xeve-Amil-A Espedregueira estarán finalizados o vindeiro xoves co fin de garantir a seguranza viaria das persoas que van a pé e tamén facilitar o tránsito de vehículos.

Os traballos realizaranse durante cinco días ao abeiro do novo contrato de conservación viaria para a zona centro. Precisarase dun equipo de maquinaria corta malezas (niveladora, pala mixta e camión) que despois se completará cunha roza a man baixo biondas e sinais, limpando as beiravías, retirando a broza das cunetas e nivelando e ampliando algunhas zonas de pouca accesibilidade. Tamén se prevén realizar algúns traballos de acondicionamento na EP-0503 Mane-Rebón e na contorna do santuario.

As actuacións de roza e mellora das vías planifícanse desde o Servizo de Mobilidade da Deputación periodicamente segundo as necesidades e estado de cada zona da rede provincial establecendo quendas polos diferentes concellos. A programación do acondicionamento tamén atende ao calendario de celebracións festivas de cada ano, co fin de extremar a seguranza viaria e evitar situacións de perigo tanto para as e os viandantes como para as e os condutores en lugares de grande afluencia.