Noticias

A Deputación de Pontevedra organiza un taller para a busca de emprego no marco do programa Depoemprega 2015

O ‘Taller de actitudes e habilidades sociais para a busca de emprego hoxe', que terá lugar o 23 de novembro na sede de Vigo da Deputación de Pontevedra e o 24 de novembro no auditorio de Vilagarcía de Arousa, está dirixido ás persoas beneficiarias do programa Depoemprega 2015


22 nov 2015

Dentro do programa integrado para o emprego Depoemprega 2015, promovido pola Deputación de Pontevedra, terá lugar, o vindeiro 23 de novembro na sede de Vigo da institución provincial e o 24 de novembro no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, o "Taller de actitudes e habilidades sociais para a busca de emprego hoxe". Esta actividade, dirixida ás persoas beneficiarias do programa Depoemprega 2015 dos concellos de Bueu, Cangas, Ponteareas, Tui, O Grove, Vilagarcía de Arousa e A Estrada, será impartida por Pedro Rodríguez e ten por obxectivo impulsar a formación transversal de cara a dotar de ferramentas e habilidades sociais para facer unha busca de emprego eficaz.

A deputada delegada en materia de emprego da Deputación de Pontevedra, Montse Magallanes, será a encargada de darlles a benvida ás persoas beneficiarias desta primeira actuación, que ten por obxectivo mellorar a empregabilidade e poder alcanzar o obxectivo final do programa, que é a inserción laboral de, ao menos, un total de 50 persoas. Para iso, coa finalidade de adaptar as accións ás características individuais das persoas seleccionadas, o equipo técnico do programa está a traballar no deseño dos itinerarios personalizados de inserción, despois de manter entrevistas individuais con cada unha das persoas beneficiarias.

A aposta polo emprego do novo goberno da Deputación de Pontevedra materializouse coa posta en marcha, desde o pasado mes de setembro, do Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local, que aglutina accións de formación e inserción laboral coa finalidade de paliar as necesidades das persoas máis vulnerables de cara á integración sociolaboral e loitar contra a exclusión social.

Ademais do programa ‘Depoemprega 2015', iniciado o pasado mes de outubro e con remate previsto para agosto de 2016, o Servizo de Emprego da Deputación de Pontevedra está a levar a cabo as actividades propias dos técnicos de emprego, así como a organizar o programa Erasmus+ 'Practicum Depo 2015' e un obradoiro de emprego na especialidade de atención sociosanitaria dirixido a mozas e mozos menores de 25.