Noticias

A Deputación ofrécese a asesorar os concellos sobre como recuperar espazos públicos de maneira urxente e efémera ante a necesidade de distancia física pola crise da COVID-19

O deputado Uxío Benítez convocará esta semana as alcaldías para presentar un novo proxecto co que potenciar políticas para devolverlle espazos á cidadanía de xeito estable e definitivo


02 maio 2020

A Deputación de Pontevedra ofreceuse aos concellos da provincia para asesoralos sobre como recuperar espazos públicos de maneira urxente e efémera co fin de darlle garantías de distanciamento físico á cidadanía nestes momentos da crise da COVID-19. O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, lembra que o seu departamento defende a necesidade de recuperar o espazo público de maneira estable e a longo prazo, pero declara que a día de hoxe se precisan algunhas actuacións inmediatas para que as persoas dispoñan de máis amplitude nos lugares e vías polas que transitan, motivo polo que pon á disposición dos municipios todo o persoal técnico provincial experto neste ámbito.

Segundo explica o deputado de Mobilidade, a situación de emerxencia sanitaria fixo que a cidadanía e os gobernos locais se decatasen da importancia de que as rúas, as prazas e, en xeral, todo o espazo público teña as persoas como prioridade fronte á circulación rodada, con elementos e dimensións correctos para o tránsito peonil seguro e confortable. "O espazo público forma parte substancial da vida das persoas como escenario natural da vida colectiva. Cando o perdemos, e hoxe que comezamos a recuperalo na desescalada, é cando o valoramos", remarca.

Benítez sinala que é preciso considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía e en relación directa coa súa calidade de vida, a cohesión social ou a percepción da felicidade. Por iso, ademais de poñer á disposición o persoal técnico para realizar actuacións inmediatas e de carácter transitorio e puntual (como peonalizar rúas, redirixir tráficos ou recuperar áreas), vaise poñer en marcha un plan provincial para o resto do mandato co obxectivo de que os concellos potencien políticas de recuperación do espazo público de maneira estable e definitiva.

Este proxecto, que estaba formulado xa moito antes da crise sanitaria, segundo recoñece o deputado nacionalista, agora cobra aínda máis valor. A intención é que os concellos se comprometan na realización de infraestruturas públicas que incentiven as mobilidades naturais alternativas ás de motor, deixando así a prioridade de uso para as persoas nos ámbitos urbanos e nos núcleos de centralidade.

O deputado Uxío Benítez vai remitir unha carta esta semana citando todas as alcaldesas e alcaldes da provincia a un encontro virtual co fin de presentarlle todas estas iniciativas do departamento de Mobilidade e ofrecerlles recursos tanto para asesorar as actuacións efémeras como, e principalmente, para desenvolver proxectos a medio e longo prazo nos que a recuperación do espazo público sexa a finalidade.

Co fin de potenciar a idea do espazo público como un dereito da cidadanía e a necesidade da súa calidade para o gozo da veciñanza, sobre todo en crises como a actual, o departamento de Mobilidade publicou no día de hoxe un vídeo explicativo. Trátase dunha peza (difundida tanto na páxina web www.depo.gal como nas redes sociais da institución) na que o propio espazo público se dirixe á cidadanía explicando canto a bota en falta ao estar baleiro.