Noticias

A Deputación ofrece aos ‘Concellos Ágora' implantar o BiciRexistro, un sistema de identificación de bicicletas e patinetes para disuadir dos roubos e facilitar recuperacións

Representantes políticos, persoal técnico e policías locais de 38 concellos participaron hoxe nunha reunión informativa organizada polo Departamento de Mobilidade e a Rede de Cidades pola Bicicleta


17 marzo 2021
Bicirexistro

A Deputación de Pontevedra acaba de ofrecer aos ‘Concellos Ágora' implantar nos seus territorios o BiciRexistro, un sistema de identificación de bicicletas e patinetes para disuadir de posibles roubos e facilitar recuperacións. No día de hoxe tivo lugar unha reunión informativa do Departamento provincial de Mobilidade e a Rede de Cidades pola Bicicleta na que participaron representantes políticos, persoal técnico e policías locais de 38 municipios que amosaron un grande interese pola iniciativa debido ao aumento progresivo destes vehículos nas vilas e cidades da provincia.

O deputado Uxío Benítez destacou que o Goberno provincial aposta por traballar para que a bicicleta sexa un modo de transporte prioritario –xunto coa mobilidade peonil– e que as cidades e vilas da provincia cheguen a ser 100 % ciclables. Insistiu en que é importante facilitar, facer máis segura e desenvolver a circulación dos ciclistas especialmente no medio urbano e rururbano, algo difícil –e, polo tanto, un reto– no ámbito da provincia de Pontevedra pola súa gran dispersión poboacional. Destacou, así mesmo, que o BiciRexistro é unha ferramenta moi útil para as persoas usuarias e tamén para as policías locais, xa que permite o control das bicicletas –e patinetes– de cada localidade e dá acceso a unha base de datos estatal de alertas de desaparicións e localizacións.

Na reunión informativa, e segundo explicou o técnico da Rede de Cidades Pola Bicicleta Ignacio Junoy, o BiciRexistro é o sistema estatal de rexistro que conta coa participación dos propios concellos, das súas policías locais, a DXT e os xestores administrativos. Foi creado para disuadir do roubo e facilitar a identificación das persoas propietarias en caso de subtracción, xa que dificulta o comercio ilegal e posibilita a recuperación dunha bicicleta desaparecida.

Junoy explicou que, para os concellos participantes, están habilitados na plataforma da RCxB dous sistemas de procura de bicicletas: unha listaxe de "bicicletas desaparecidas" onde se poden atopar todas as bicicletas rexistradas que desapareceron, para tentar devolvelas á persoa propietaria; e unha listaxe de "bicicletas localizadas", onde se publicitan todas aquelas bicicletas que non estiveron rexistradas con antelación, foron localizadas por un corpo de policía e almacenáronse nun depósito municipal á espera de atopar propietaria.

Para que bicicletas ou patíns estean ‘controladas', o seu rexistro no BiciRexistro pode facerse de dúas maneiras por parte da persoa propietaria. A primeira é en liña e gratuíta na web da RCxB e só recolle datos básicos; e a segunda é o rexistro validado cun kit de marcaxe personalizado (por sete euros).

Este último, unha especie de matrícula, é o que consegue unha diminución de roubos posto que o kit que incorpora un número único xunto a un código QR para cada bicicleta, recolle todos os datos nunha listaxe a nivel estatal, e identifica cada unha das bicicletas con cadanseu propietario. O kit componse de catro vinilos fabricados nun material de moi difícil extracción da bicicleta ou patín e que, en caso de manipulación, deixan un rastro de adhesivo moi potente.

O principal beneficio para os concellos que participan na iniciativa do BiciRexistro é que a Policía Local da localidade ten acceso directamente á base de datos da RCxB, sendo a procura do vehículo moito máis sinxela e sen limitacións. Ademais, o BR é dunha ferramenta que permite dar a coñecer as bicicletas que están no depósito municipal e que en moitos casos acaban na chatarra por non atopar ás persoas propietarias.

Unha vez rematada a reunión de hoxe, os concellos asistentes deberán trasladar á Deputación o seu interese en participar na iniciativa. Entón remitiráselles toda a documentación e deberán designar unha persoa técnica municipal para a administración de zona –para validación dos rexistros e xestión dos kits– e tamén se dará acceso á plataforma á Policía Local, sempre coa formación previa necesaria.

Crecemento exponencial de bicis e patinetes

Aproveitando o encontro, o secretario técnico da RCxB, Nacho Tomás, felicitou á Deputación pola iniciativa da ‘Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público', resaltando que é replicable en moitos outros territorios e deputacións, e puxo sobre a mesa que con motivo da pandemia estase dando un cambio de hábitos de mobilidade por parte da cidadanía, apostando pola mobilidade natural.

Neste sentido, explicou que a tendencia previa á COVID-19 xa era dun aumento do uso da bicicleta, algo que se incrementou no último ano e que se prevé constatar na enquisa que se fará pública en maio como previa ao ‘Barómetro da bicicleta de 2021'. Segundo destacou, "a previsión e a intuición" é que se verán crecementos exponenciais tanto da bicicleta como tamén dos patinetes eléctricos: "Estamos a ver un crecemento moi bo que queremos que aumente pasando das persoas só de uso deportivo ao uso cotián. Co BiciRexistro queremos quitar o principal trauma, que son os roubos", finalizou Tomás.

Participaron na reunión de hoxe os concellos de Marín, Cangas, Vilaboa, e Moaña da comarca do Morrazo; Pontevedra, Poio, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas de Pontevedra; Vilagarcía de Arousa, Meis, A Illa de Arousa, Sanxenxo e Ribadumia, do Salnés; Valga, Moraña, Caldas de Reis, e Portas da comarca de Caldas; A Estrada, Forcarei e Silleda de Deza-Tabeirós; Tui, A Guarda, Salceda de Caselas, O Rosal, e Tomiño do Baixo Miño; Mos, Pazos de Borbén, Nigrán, O Porriño, Gondomar e Oia da zona de Vigo; e As Neves, Ponteareas, Mondariz-Balneario, Covelo, e Salvaterra de Miño do Condado-A Paradanta.