Noticias

A Deputación moderniza a rede de camiños rurais da Estrada cun investimento histórico de preto de 2,5 millóns de euros

O deputado Carlos Font destaca que "o Plan Concellos permitiu a mellora ou pavimentación integral de 74 camiños rurais en 31 das 54 parroquias do municipio"


26 agosto 2019
Obras nos camiños da Estrada

Os camiños rurais da Estrada locen cun novo aspecto gracias ás 74 obras realizadas no marco do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O investimento de 2.349.543,9 euros, correspondente ás anualidades de 2017, 2018 e 2019, supuxo un antes e un despois no mantemento da rede municipal e mellorou así a calidade de vida de boa parte da veciñanza. As últimas obras acometidas este ano foron visitadas hoxe polos deputados Carlos Font, Iria Lamas e Laura Iglesias, que estiveron acompañados do alcalde, e tamén deputado provincial, José Carlos López Campos.

Carlos Font destacou que os datos son "moi elocuentes", dado que se abordaron actuacións en 74 camiños rurais nun concello tan extenso: "das 51 parroquias que ten A Estrada, actuamos en 34; e desas 34, en 10 delas fíxose máis dunha actuación, o que demostra a amplitude da cobertura destas obras". O deputado provincial resaltou a colaboración e lealdade institucional que preside as relacións entre a Deputación e o Concello da Estrada e así aproveitou a visita de hoxe para facer un balance dos últimos catro anos, nos que A Estrada recibiu a achega dun total de 10 millóns de euros, "a maior da historia da Deputación con este municipio". Unha colaboración que se distribúe por tódalas áreas da xestión municipal, entre elas tamén o emprego. Así, dentro da liña 3 do Plan Concellos, o Concello da Estrada dispón este ano de 28 traballadoras/es e, ao longo dos últimos catro anos, puido contratar a un total de 123.

As obras realizadas ao abeiro do Plan Concellos na rede de camiños da Estrada distribúense entre pavimentacións integrais e actuacións de mellora. No primeiro apartado, acometeuse a pavimentación de 43 vías municipais que abranguen preto de 27 quilómetros, mediante o estendido dunha capa de aglomerado asfáltico en quente. As obras localízanse nos lugares de Oca, Matalobos, Aguións, Cora, Santo André de Vea, Tabeirós, Santo Tomé de Ancorados, Ouzande, Callobre, Santeles, Ribeira, Moreira, Rubín, Moreira, Paradela, Guimarei, San Pedro, Berres, Santa Cristina de Vea, Barbude, Couso e Toedo. Por outra parte acometéronse traballos de mellora, con limpeza de cunetas, varrido superficial do firme e aplicación de capas de rodaxe en Lamas, Vinseiro, Rubín, Berres, San Miguel de Barcala, San Miguel de Castro, Aguións, Guimarei, Cora, Baloira, Somoza, Callobre e Agar. Tamén realizáronse outras actuacións de mellora en Agar, Somoza, Tabeirós, Parada, Nigoi, Ribela, Vinseiro, Arca, Souto e Codeseda.

Diante destes datos, o deputado Font puxo de manifesto que o Plan Concellos exemplifica o papel que lle corresponde á Deputación na colaboración cos concellos, "unha colaboración estable e que ten a gran vantaxe de que os concellos coñecen cales van ser os investimentos que van poder acometer e son eles os que deciden como resolver as necesidades da veciñanza". No caso concreto da Estrada, aplaudiu a escolla do Concello pola mobilidade dentro dos núcleos rurais. Finalmente, indicou que o compromiso da presidenta da Deputación, Carmela Silva, "é seguir, durante este mandato, na mesma liña de colaboración cos concellos" e engadiu que a importante aposta polo Plan Concellos, "que, unha vez máis, volve demostrar a súa eficacia para achegar a política á veciñanza" continuará. De feito, destacou Carlos Font, A Estrada recibe este ano un total de 1.648.496,67 euros no marco do Plan, o que supón un crecemento dun 4,26 % con respecto á achega do ano anterior.

Pola súa banda, o alcalde, José López, valorou o apoio da Deputación de Pontevedra e amosouse convencido que ámbalas dúas institucións seguirán traballando e colaborando lealmente. "Dispoñemos dun proxecto", dixo en referencia ao Plan Concellos, "que nos permite aos municipios facer moitas actuacións ao cabo do ano, e aquí, na Estrada, xa fixemos un bo número delas", entre as que destacou esta mellora das pavimentacións do rural. O primeiro edil lembrou que A Estrada ten case 2.000 quilómetros de pistas municipais, polo que o mantemento é sempre un reto "e grazas ao Plan Concellos puidemos facer este investimento". Deste xeito aproveitou para anunciar que nos próximos anos seguirán dedicando unha parte importante deste Plan da Deputación á mellora da rede municipal de comunicacións e aplaudiu a cooperación e a lealdade institucional existente entre a Deputación e o Concello.