Noticias

A Deputación de Pontevedra mobiliza 1,8 millóns de euros para novas obras de mellora da mobilidade e seguridade peonil na rede provincial de estradas

As actuacións desenvolveranse nos concellos de Meis, Moaña, Arbo e Barro


29 decembro 2020

A Deputación de Pontevedra deu o visto bo a outros 1,8 millóns de euros para obras de mellora da seguridade viaria e peonil nas estradas provinciais. A Xunta de Goberno Provincial aprobou catro actuacións nos concellos de Meis, Moaña, Arbo e Barro para continuar recuperando espazo público no marco do modelo provincial de mobilidade segura.

Dunha banda, o Goberno provincial deu un novo paso para a execución de dúas ambiciosas actuacións en Meis e Moaña, coa aprobación dos expedientes para a adxudicación das obras. Trátase da mellora da seguridade viaria na EP-9402 O Mosteiro-Barrantes (Meis) e o das obras de recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil na EP 1104 Moaña-Coiro (Moaña).

No primeiro caso, en Meis a institución provincial investirá 217.606 euros, no marco do convenio xa asinado co Concello. As obras desenvolveranse no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+000 e o 0+250, no núcleo do Mosteiro. Consistirán na adecuación da plataforma do viario e marxes, atendendo a criterios de seguridade viaria e mobilidade amable. Con esta actuación, a Deputación asume amais o compromiso adquirido coa veciñanza de Meis para arranxar un problema histórico de inundacións neste tramo da estrada.

No treito anexo á praza de España deste núcleo proxéctase a execución dunha plataforma de uso compartido para peóns e automóbiles, con prioridade para os primeiros. No seguinte tramo, a actuación consistirá na renovación da capa superficial da estrada e resolveranse tamén os problemas de drenaxe da vía. Ademais, reforzarase a seguridade viaria mediante a adecuación de beirarrúas, a execución dun paso de peóns e unha mediana de separación de carrís sobreelevados e reforzos de sinalización e iluminación. Estas obras únense ás xa desenvolvidas na praza de España, financiadas co Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos da institución provincial.

No que atinxe á mellora da EP-1104 Moaña-Coiro, en Moaña, desenvolverase entre os puntos quilométricos 1+200 e 1+780. Na humanización desta infraestrutura, unha das máis agardadas no Morrazo, a Deputación vai investir 690.000 euros. O proxecto enmárcase no convenio asinado este ano entre a institución e o Concello, que fora cualificado de exemplar e pioneiro no Morrazo pola presidenta, Carmela Silva, e a alcaldesa, Leticia Santos.

O obxectivo desta obra é a creación de espazos específicos reservados a peóns e espazos de convivencia de tráfico (vehículos e peóns), con criterios de seguridade e mobilidade sustentable. Deste xeito, reservarase un itinerario peonil a nivel do viario, que se distinguirá cun pavimento de diferente material e cor que os dos carrís de circulación. Como medidas de calmado de tráfico, executarase un paso de peóns sobreelevado, redutores físicos de velocidade, sinalización máis restritiva e estreitamento de carrís. Así mesmo, no treito máis conflitivo deseñarase un espazo de convivencia de tráfico mixto, dando prioridade ao peón. O acceso á zona de convivencia realizarase mediante ramplas, co obxectivo de reducir a velocidade.

Doutra banda, a Xunta de Goberno aprobou dous novos convenios cos concellos de Arbo e Barro. O primeiro deles permitirá a execución do proxecto de mellora da mobilidade peonil nas estradas EP-5202 e na EP-5203, e está presupostado en 663.204 euros, dos que a Deputación asumirá o 70 % (464.242 euros) e o Concello o 30 % restante (198.961 euros).

Máis polo miúdo, en Arbo actuarase na EP-5202 entre os puntos quilométricos 1+100 e 1+165 e na EP-5203 do 1+150 ao 1+529, ao fin de humanizar a rúa nos treitos comprendidos entre a estación de ferrocarril e a estrada PO-405, así como o que discorre fronte á capela de San Antonio, o que mellorará notablemente a seguridade viaria na zona do proxecto e o seu contorno. O proxecto resólvese coa dotación dun percorrido peonil en toda a lonxitude da actuación e cun ancho suficiente para o tránsito de persoas. Ademais, renovaranse as redes de abastecemento, saneamento e iluminación, e dotarase de canalizacións para o soterramento da rede de cable eléctrico, tanto a de telecomunicacións como a rede eléctrica. Así mesmo, construiranse dous pasos peonís sobreelevados, ao obxecto de reducir a velocidade dos vehículos.

No que atinxe ao convenio co Concello de Barro, a actuación prevista permitirá a recuperación do espazo e mellora da mobilidade peonil na EP-0508 Curro-San Amaro ao seu paso pola praza de San Amaro. O orzamento do convenio ascende a 303.282 euros, dos que a Deputación asume o 70 % (212.297 euros) e o Concello o 30 % (90.984 euros).

Esta estrada comparte percorrido co Camiño Portugués e coa calzada romana do Itinerario Antonino Vía XIX. A praza de San Amaro é un lugar moi transitado, aínda que na actualidade, non dispón de beirarrúas, beiravías nin itinerario reservado para as e os peóns. Coa obra proxectada, preténdese o acondicionamento da estrada ao fin de mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade para o tráfico rodado e peonil.

Dotarase á praza, situada nun entorno con elementos patrimoniais de gran beleza como a igrexa de San Amaro, dun pavimento e mobiliario urbano que permite recuperala para as persoas. Deseñarase unha zona de convivencia elevada e con prioridade peonil, co emprego de pavimentos de pedra e mobiliario urbano moderno. A maiores, contémplase unha nova rede de pluviais, así como melloras en servizos como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións, a execución dunha nova rede de fecais e nova iluminación pública con luminarias LED.