Noticias

A Deputación mellorará a seguranza viaria da estrada provincial que une Covas e Padrenda en Meaño

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez presentou hoxe o proxecto de reforma global á alcaldesa


19 decembro 2018
Proxecto mellora mobilidade Meaño

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai mellorar a seguranza viaria da estrada provincial EP-9306 entre Covas e Padrenda no Concello de Meaño. O deputado Uxío Benítez presentou hoxe á alcaldesa Lourdes Ucha un proxecto de reforma elaborado desde a institución provincial que pretende reformar toda a estrada de forma global: rehabilitar o firme actual, crear unha senda peonil, unha nova glorieta para regular o tráfico na intersección coa EP-9305, calmar o tráfico con redutores físicos e pasos de peóns sobreelevados, así como recuperar o treito vello da vía que quedou en desuso tras a construción da variante.

Segundo explicou o deputado Benítez, a estrada EP-9306 entre Covas e Padrenda fora ensanchada polo anterior Goberno provincial por fases deixando a actuación sen rematar. De feito non se aplicou a última capa de rodaxe na calzada, non se levantaron as arquetas dos servizos nin tampouco se retiraron os postes de telefonía e luz situados no medio da vía, o que supón unha clara situación de perigo para todas as persoas usuarias. Así mesmo, nas últimas obras construíuse tamén unha variante nos últimos 100 metros, pero non se puxo en orde de ningún xeito o treito vello arredor do que existen varias casas.

Ante esta situación, o deputado Benítez sinalou que o obxectivo provincial da Deputación é evitar a sinistralidade na vía e dotala de melloras que potencien tamén a mobilidade peonil. Deste xeito, a proposta que presentou á alcaldesa inclúe non só a rehabilitación do firme da calzada para o tránsito de vehículos, senón tamén a creación dunha senda peonil e ciclista de ‘slurry' coloreado de 800 metros de lonxitude por unha das marxes cun ancho de 2,5 metros, tal e como establece o decálogo de criterios de actuacións nas vías provinciais.

O novo deseño, ademais de solucionar o problema coas arquetas e a retirada dos postes, tamén prevé aumentar a seguranza viaria apostando pola creación dunha zona 30 na que obrigatoriamente as e os condutores deberán frear ante a existencia de catro pasos de peóns sobreelevados e outros catro redutores físicos de velocidade.

Así mesmo, prevese unha nova glorieta para regular o tráfico e solucionar un punto conflitivo na circulación na intersección da estrada provincial con outra vía da Deputación, a EP-9305 (Coirón-Ribadumia-Leiro). A construción desta nova glorieta precisará de terreos que a día de hoxe non están dispoñibles, polo que o deputado Uxío Benítez instou á alcaldesa a conseguir a cesión de forma voluntaria co propietario, cuestión na que a rexedora se comprometeu a intentar avanzar.

Finalmente, a actuación exposta por Benítez á alcaldesa inclúe tamén a recuperación do treito vello da estrada que quedou en desuso tras a construción da variante no outro extremo da vía, nas inmediacións coa estrada Xil-Covas-Barrantes. Segundo propuxo o nacionalista, a idea é recuperar ese espazo público deixando un carril único de circulación e recuperando a contorna do cruceiro da zona cun pavimento diferenciado no que as persoas usuarias perciban que a prioridade é para a mobilidade peonil.

Unha vez coñecido este proxecto para a estrada provincial, a alcaldesa Lourdes Ucha indicou ao deputado que levaría a proposta ao seu grupo de Goberno para que dese o visto bo, traballaría para acadar as cesións precisas para a glorieta, e estudaría a posibilidade de asinar un convenio de colaboración coa institución provincial. O deputado Benítez destacou que se finalmente este proxecto "de máximos" non sae adiante por non contar co beneplácito do grupo de Goberno local, a Deputación limitarase a realizar unha actuación básica para solucionar os problemas no firme e calmar o tráfico, garantindo así a seguranza viaria.