Noticias

A Deputación mellorará a estrada provincial que conecta o núcleo de Ribadumia co comezo da Ruta da Pedra e da Auga

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que se construirá unha nova beirarrúa de 2,5 metros pola marxe esquerda da EP-9305, estacionamento, novas fecais e pluviais, así como elementos de calmado de tráfico


13 abril 2018
Uxío Benitez

A Deputación de Pontevedra, a través do seu Departamento de Mobilidade, vai mellorar medio quilómetro da estrada provincial que conecta o núcleo urbano de Ribadumia e diferentes elementos de gran relevancia na vila, entre os que destaca o comezo da Ruta da Pedra e da Auga. Segundo o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, o obxectivo da actuación é potenciar a mobilidade peonil e a seguranza viaria na zona a través da construción de novas beirarrúas de 2,5 metros e zonas reservadas a peóns pola marxe esquerda, así como da instalación de elementos de calmado de tráfico que limitarán a velocidade a 30 quilómetros hora.

Segundo recoñeceu hoxe Benítez na súa visita ao concello, a accesibilidade e a convivencia entre peóns e vehículos entres os puntos quilométricos 4+450 ata o 4+950 "é complicada tal e como se atopa nestes intres", motivo polo que o Goberno da Deputación decidiu redactar un proxecto de mellora. O deputado explicou que existía un deseño previo feito polo anterior Goberno do PP que incumpría o decálogo de criterios de actuación nas estradas provinciais aprobado en 2016, polo que foi necesario facer unha nova proposta que resultou nun deseño "de máis calidade para o uso da veciñanza e mellor para a súa seguranza viaria".

"As obras nesta estrada exemplifican a nova forma de facer as cousas que ten este Goberno da Deputación. Na mesma vía vanse ver os proxectos do pasado, con beirarrúas escasas para as persoas, e os proxectos de futuro, con espazos de mínimo de 2,5 metros de largo onde se ve que a prioridade para nós son as persoas", asegurou Benítez.

A actuación proxectada prevé crear un área reservada para os peóns na marxe esquerda da estrada dando continuidade ás beirarrúas existentes ata o núcleo urbano creando un tránsito peonil seguro desde o centro da vila ata elementos de grande importancia no Concello: o centro de Información Turística de Ribadumia, o comezo da Ruta da Pedra e a Auga, o Pazo de Barrantes –elemento histórico importante para o patrimonio da zona–, así como numerosas vivendas, adegas, restaurantes ou a zona de estacionamento disuasorio existente na entrada do núcleo urbano. No primeiro treito haberá beirarrúas de 2,5 metros e unha zona de estacionamento en liña e, despois, crearase un área reservada para os peóns ao mesmo nivel que a calzada protexida mediante morróns.

Así mesmo, colocaranse catro pasos de peóns sobreelevados (PPS) e limitarase a velocidade a 30 quilómetros hora, incrementando desta forma a seguridade do peón á hora de cruzar a estrada, cumprindo en todo momento coa Lei de accesibilidade de Galicia.

A maiores, o proxecto inclúe melloras en diversos servizos urbanos como o traslado do alumeado público existente e da marquesiña de bus existente á nova aliñación, así como a execución dunha nova rede de pluviais e dunha rede de fecais separadas.

Esta actuación de mellora na estrada EP-9305 Coirón-Ribadumia-Leiro será realidade grazas á sinatura dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Ribadumia. A Deputación aportará o 70 % do financiamento mentres que o Concello abonará o 30 % dun orzamento total que ascende a 225.088,23 euros. Así mesmo, para facer as obras é necesario afectar varias parcelas privadas, cuxas cesións xa foron entregadas polo Concello á Deputación e están á espera de ser executadas.

O convenio co Concello de Ribadumia ten que ser aínda aprobado pola Xunta de Goberno da Deputación, para despois ser asinado publicamente. Unha vez se ratifique o acordo entre ambas administracións procederase á licitación das obras, sendo a previsión que se inicien neste ano, segundo afirmou o deputado Uxío Benítez.

"Falamos con feitos"

Pola súa banda, o alcalde de Ribadumia, David Castro, manifestou que "o de hoxe é un día importante para Ribadumia" porque supón a confirmación da obra por parte do deputado de Mobilidade Uxío Benítez. Destacou que se mellorará a calidade urbana e a seguranza viaria dunha zona que supón un dos recursos turísticos máis importantes da vila, a Ruta da Pedra e da Auga, e lembrou que a actuación foi solicitada polas veciñas e veciños e tamén consensuada, estando as persoas afectadas da cordo tanto co proxecto como con ceder terreos.

"Quero agradecer as cesións á veciñanza, e tamén que a Deputación proxectara e leve adiante o proxecto. Esta actuación é unha realidade, independentemente do que diga a oposición do PP con Salomé Peña e Luís Serantes. Nós falamos con feitos, non falamos con comentarios que non favorecen o desenvolvemento do Concello… E a realidade dos feitos contradí ao PP", salientou.

Fotos