Noticias

A Deputación mellorará a estrada provincial Puxeiros-Peinador en Mos

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anuncia a sinatura dun convenio para executar as obras, cun orzamento de 632.857,31 euros


19 setembro 2017
Alcaldesa de Mos con Uxío Benitez

A Deputación de Pontevedra ten xa finalizado o proxecto de mellora integral da estrada provincial EP-2603 Puxeiros-Peinador. A actuación, segundo informou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, consistirá na rehabilitación integral do firme da estrada; na instalación de sistemas de barreiras de seguranza para motociclistas, elementos de calmado de tráfico e nova iluminación; así como na renovación do abastecemento de auga e a drenaxe. As obras, que segundo o nacionalista se executarán grazas ao convenio que se asinará proximamente entre Deputación e Concello de Mos, teñen un orzamento de 632.857,31 euros e suporán unha importante mellora na seguranza viaria para todas as persoas usuarias da vía, tanto peonís como motorizadas.

A mellora da estrada Puxeiros-Peinador foi unha das peticións que a alcaldesa de Mos lle trasladou ao deputado de Mobilidade nos encontros que tiveron lugar para falar da rede de estradas provinciais no concello do Louriña. Benítez destacou a alta intensidade de tráfico, sobre todo de vehículos pesados, e a capacidade vertebradora da vía EP-2603 dentro do municipio, posto que conecta o núcleo urbano co aeroporto, o IFEVI e a zona industrial do Rebullón. Tamén lembrou a existencia de problemas que reducen a seguranza da vía, tales como o mal estado xeral dos pavimentos, a insuficiente iluminación, e o mal estado da sinalización horizontal e vertical e do abastecemento municipal, con constantes roturas que provocan danos estruturais ao firme.

Con todos estes antecedentes, o Departamento de Mobilidade traballou para sacar adiante o proxecto, que terá un ámbito de actuación que abrangue toda a estrada (2.759 metros de lonxitude). A principal obra consistirá na mellora estrutural do firme, que será fresado para estender un novo aglomerado nos tramos máis urbanizados –con maior desgaste da capa de rodaxe– e nas interseccións. En canto ao calmado do tráfico, proxéctanse dous novos pasos de peóns sobreelevados (PPS) no núcleo urbano de Puxeiros, nos puntos quilométricos 0+055 e 0+220, que soportan un tráfico importante.

Tamén se instalarán sistemas de protección de motociclistas –de tipo continuo– en substitución das biondas existentes, que supoñen un elemento de contención moi perigoso, e tamén nos treitos de curvas que sexa necesario. No canto da sinalización horizontal e vertical, limitarase as velocidades a máximos de entre 50 e 30 quilómetros por hora e remarcaranse os pintados lonxitudinais, transversais, inscricións, e outros.

Como actuacións complementarias inclúese a instalación dun novo punto de luz no medio da actual glorieta de Puxeiros, xa que o sistema actual é claramente insuficiente: apenas hai puntos de luz nos ramais de saída ao aeroporto e cara á avenida Peinador, cando a glorieta ten máis de 30 metros de diámetro. No proxecto inclúese unha nova columna de 10,5 metros de altura con catro brazos nos que se instalarán catro luminarias de aceiro e aluminio.

Por outra parte, dado que a actual tubaxe municipal de abastecemento de auga que sae da glorieta de Puxeiros cara Peinador pola marxe dereita da estrada –que sufre numerosas roturas en diferentes puntos, provocando o deterioro de firmes e pavimentos–, substituirase por outra que soporte mellor a presión da auga con sección diferente en función dos treitos.

Finalmente, coñecidos os problemas de asolagamentos nas interseccións da EP-2603 co camiño do Monte Canal e coa rúa que cruza a vía no punto 0+160, colocaranse sumidoiros de rexa continua no largo completo dos ramais de enlace conectados á rede de pluviais. Así mesmo, realizaranse as correspondentes actuacións de drenaxe nos novos PPS.

Todas estas actuacións, segundo indicou o deputado Benítez, están cun orzamento de 632.857,31 euros, e serán obxecto dun convenio entre a Deputación e o Concello de Mos que no que se recollerán as condicións de financiamento e execución. Este será asinado en vindeiras datas. Está previsto que unha vez adxudicados os traballos se realicen nun prazo de catro meses.