Noticias

A Deputación mellora a seguridade peonil na estrada de Sisán (Ribadumia) e soluciona os problemas de empozamento instalando cunetas tendidas

Gregorio Agís: "Sabemos moi ben da importancia de apoiar aos concellos rurais, mellorando os servizos e equipamentos e contribuíndo así a asentar poboación"


05 febreiro 2021
Visita a Ribadumia

A Deputación de Pontevedra xa ten en marcha o procedemento para contratar a mellora da seguridade viaria da estrada provincial EP-9509 na parroquia de Sisán ao seu paso por Ribadumia, cun investimento de 90.000 euros. Os traballos optimizarán o tránsito peonil polas beiras nunha zona cunha elevada densidade residencial ao mesmo tempo que solucionarán o problema dos empozamentos nesta zona a causa das augas pluviais. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou hoxe a zona, acompañado do alcalde, David Castro, e a concelleira Mar Muimenta.

As empresas teñen ata o próximo día 17 deste mes para presentar ofertas para unha obra que dá satisfacción a unha demanda do Concello e da veciñanza de Sisán. Unha actuación que aplica modelo das "cunetas tendidas" que o Servizo de Infraestruturas da Deputación emprega para optimizar o aproveitamento da sección dispoñible naqueles tramos de estradas onde non é posible ensanchar ou resulta moi dificultoso. Neste caso, as novas cunetas apegaranse á liña de peche das edificacións e parcelas existentes, utilizando o espazo cedido xa no pasado.

O deputado Gregorio Agís explicou que as cunetas tendidas "funcionan na práctica como unha beirarrúa ou unha senda peonil ao mesmo nivel que a calzada e, ademais, permiten recoller as augas pluviais". Destacou a cordialidade da relación co Concello de Ribadumia, ao igual que co resto da provincia, e destacou que a Deputación "seguirá colaborando para solucionar problemas, tanto coa ferramenta do Plan Concellos, como das obras que facemos desde o Departamento de Infraestruturas". Ademais recordou que "sabemos da importancia de apoiar aos concellos rurais, mellorando os servizos e equipamentos e contribuíndo así a asentar poboación".

O alcalde, David Castro, destacou que en Sisán hai unhas 40 vivendas e era preciso acondicionar as beiras da estrada provincial. Sinalou a importancia de ir mellorando día a día este tipo de infraestruturas que as veciñas e veciños lles veñen trasladando. Amosou o seu agradecemento coa institución provincial "pola xestión rápida, a sabendas dos tempos da Administración". "É moi doado chegar a acordos coa Deputación de Pontevedra, esta relación debe continuar deste xeito; nos trasladámoslles as demandas que nos fan as veciñas e veciños coa seguridade de que se está a cumprir". En canto á mellora, en Sisán, ao paso polo lugar de Tabueiros, cualificouno non só como moi importante para a veciñanza, senón para o tráfico de paso ao longo dunha estrada que conecta Ribadumia con Cambados.

Tres meses de obras

As obras da estrada de Sisán contarán cun prazo de execución de tres meses e consistirán no redeseño das dúas marxes da estrada provincial. Un dos lados terá unha lonxitude de actuación de 435 metros e a outra de 175 metros aproximadamente. Coas novas cunetas tendidas resolverase o tratamento irregular nas beiras deste tramo de estrada, onde conviven sectores sen pavimento con outros con beiravías. As cunetas tendidas, cun ancho mínimo de 1 metro e unha pendente moi escasa, permitirán o tránsito peonil ao tempo que reducirán o risco de accidente en caso de saída parcial de vía por parte dos vehículos. O proxecto inclúe tamén a colocación dun colector de recollida de augas pluviais baixo as novas cunetas, o que evitará os empozamentos, ao contar, segundo os tramos con seccións de 400 e 315 milímetros e, ademais, a instalación de pozos de rexistro cada 25 metros.

A Deputación leva investidos máis de 4,5 millóns de euros en Ribadumia desde 2015, é dicir desde o cambio de Goberno na institución provincial. Neste período executáronse actuacións por valor de 800.000 euros no mantemento e mellora da rede provincial de estradas ao seu paso por este municipio. As obras afectaron ás estradas Coirón-Ribadumia-Leiro e Ribadumia Grenla, ás que agora se suma a estrada Muíños Novos-Tabueiros ao seu paso por Sisán.