Noticias

A Deputación márcase como obxectivo que todos os colexios e institutos da provincia se involucren na compostaxe

O vicepresidente Mosquera e o director do Centro de Investigación e Divulgación Ambiental (CEIDA) asinaron hoxe un novo convenio de colaboración para a difusión do Plan Revitaliza nos centros escolares


15 febreiro 2018
Convenio Ceida

A Deputación de Pontevedra ten un obxectivo claro: que todos os colexios e institutos da provincia se involucren na compostaxe como modelo de tratamento de residuos. Así o manifestou hoxe o vicepresidente César Mosquera, quen asinou con Carlos Vales, director do Centro de Investigación e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), un convenio de colaboración para a difusión do Plan Revitaliza durante este ano nos centros de ensino da provincia.

Segundo explicou Mosquera, catro empresas cooperativas de traballo ambiental encargaranse de realizar charlas, xornadas de formación do profesorado, exposicións, obradoiros e tamén dous congresos sobre compostaxe. A intención é alcanzar o maior número de centros posible (máis de 430) tanto públicos como privados, sendo a novidade desta edición que a oferta ábrese non só a escolas de Infantil e Primaria dos concellos que xa teñen instalados centros de compostaxe comunitaria, senón tamén a Educación Secundaria e a todos os municipios da provincia, xa estean adheridos ao Plan Revitaliza ou non.

"Trátase dun programa masivo que nunca se fixo con esta extensión e intensidade. O que a xente moza e os profesores aprendan de compostaxe quedará na conciencia da comunidade educativa e os resultados a futuro compensan o esforzo que vai facer a Deputación economicamente –150.000 euros– e ao CEIDA polo seu traballo", destacou o vicepresidente.

O nacionalista explicou que no curso pasado o traballo do CEIDA sobre compostaxe chegou a máis de 1.300 alumnas e alumnos, con 200 participantes no I Congreso Escolar de Educación Ambiental sobre Compostaxe, e acadou preto dun cento de docentes formados.  "Estamos moi satisfeitos do traballo que se fixo. Foi un éxito e por iso pensamos amplialo. Ter presencia masiva nos centros escolares dá o seu froito e é unha das liñas de traballo do Plan Revitaliza", destacou.

Pola súa banda, o director do CEIDA Carlos Vales agradeceu a "aposta tan potente da Deputación por un modelo ambicioso para tratar os residuos urbanos" como é o Plan Revitaliza. Explicou que o programa de divulgación educativa sobre a compostaxe desenvolto polo organismo que dirixe pode chegar a tantas actividades como soliciten os centros escolares, "cos que temos a nosa experiencia útil de traballo para falar de educación ambiental".

Así mesmo, Vales destacou que a encarga da Deputación para divulgar a compostaxe "está a crear emprego no sector da educación ambiental, que coa crise fora arrasado e aguantaba unha grande precariedade", algo que o Plan Revitaliza "está a solventar e que agardo teña toda a continuidade que poida".

O proxecto ‘A xestión dos residuos na provincia de Pontevedra: a compostaxe' está centrado na concienciación da comunidade educativa da problemática dos residuos e acadar un cambio de actitudes e de responsabilidade na separación dos restos orgánicos de cada vivenda.

IES Luis Seoane

O CEIDA leva traballando desde o mes de xaneiro con obradoiros, charlas e xornadas de formación en diferentes puntos da provincia. No día de hoxe, un dos técnicos responsables da difusión do programa de compostaxe estivo no IES Luis Seoane do Concello de Pontevedra instalando un composteiro individual que dará servizo ao instituto, onde toda a comunidade educativa poderá depositar os restos de merendas e tamén ao lixo orgánico que se xere na cafetería.

Un cento de rapazas e rapaces de catro aulas de primeiro da ESO atendeu ás explicacións de como se usa o composteiro e cales son as labores para o seu mantemento e poder acadar compost despois de varios meses. Ademais desta xornada, o alumnado tamén acudirá o vindeiro luns a visitar o centro de compostaxe comunitaria instalado no barrio de Monte Porreiro para coñecer in situ cal é o traballo dos mestres e mestras composteiras e o proceso que seguen os residuos orgánicos para converterse nun fertilizante natural.

O IES Seoane manifestou o seu interese por traballar sobre compostaxe xa o pasado ano, coa intención de incluílo incluso como tema no deseño curricular das materias de Bioloxía e Naturais.

Fotos