Noticias

A Deputación licita os proxectos de infraestruturas en Meaño e Ribadumia cun investimento de 846.000€

Trátase da mellora da seguridade viaria da EP-9306 Cobas-Padrenda en Meaño e o acondicionamento e dotación de servizos nas rúas 2 e 3 da Urbanización Santa Eulalia en Ribadumia, para as que as empresas poden presentar ofertas ata o 14 de outubro


27 setembro 2021

A Deputación de Pontevedra vén de sacar a licitación dúas obras de mellora de infraestruturas na comarca do Salnés, cun investimento de 846.000 euros (incluído IVE). Trátase dos traballos de mellora da seguridade viaria na EP-9306 Cobas-Padrenda, en Meaño, que ten un orzamento de 537.140 euros e da mellora e dotación de servicios das rúas 2 e 3 na Urbanización Santa Eulalia, na contorna da Pousada, en Ribadumia, cuxo presuposto ascende a 308.000. As empresas teñen de prazo ata o 14 de outubro para presentar as súas propostas.

En concreto, a mellora da seguridade viaria na EP-9306 Cobas-Padrenda será financiada nun 70% pola Deputación (375.998 €) e o resto polo Concello. Os traballos están encamiñados ao seu acondicionamento ao longo dos seus 800 metros, co fin de mellorar a funcionalidade do viario e a súa seguridade, tanto peonil como para o tráfico rodado. Deste xeito, coa mellora proxectada a estrada contará con dous carrís de circulación de 2,75 metros de ancho, unha beiravía na marxe dereita e unha senda peonil na esquerda. Ademais, executarase unha glorieta na intersección coa EP-9305 para mellorar a seguridade e, na intersección coa EP-9302, recuperarase o espazo na zona do cruceiro, de xeito que se realizará unha pequena praza e se mellorará a confluencia. Tamén está prevista a humanización mediante a execución dunha zona de convivencia do treito antigo do viario e a instalación de pasos de peóns e peoas sobreelevados e redutores de velocidade así como recollida de pluviais.

No caso das obras da Urbanización Santa Eulalia en Ribadumia, consisten na mellora e dotación de servicios das rúas 2 e 3 deste viario, na contorna da Pousada. Con esta obra, financiada integramente pola institución provincial, rematará a urbanización. Os traballos contemplan a construción de áreas peonís que faltan nestas dúas rúas así como a dotación de servizos ás mesmas. Neste senso, completaranse as redes de abastecemento, saneamento, telecomunicacións e iluminación pública.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).