Noticias

A Deputación licita as obras de seguridade viaria na estrada EP-8401 entre Portela e O Souto de Vea e financia a reforma integral da casa do concello de Cuntis

Manuel González: "Imos seguir co noso compromiso político de loitar contra o despoboamento do rural con actuacións de mellora dos servizos públicos"


12 xaneiro 2021
Cuntis

A Deputación abriu o proceso de licitación da mellora da seguridade viaria da estrada provincial EP-8401 entre Portela e O Souto de Vea ao seu paso por Cuntis. As empresas teñen ata o próximo día 26 para presentar ofertas para unha obra valorada inicialmente en 109.720 euros e que porá solución a unha "demanda histórica" tanto do Concello como da veciñanza. Os deputados Manuel González e Ana Laura Iglesias, visitaron hoxe a zona, xunto co alcalde, Manuel Campos, e aproveitaron tamén para comprobar o resultado da reforma integral da casa do concello, acometida con fondos do Plan Concellos.

As obras da estrada da Portela a O Souto de Vea estarán adxudicadas entre finais de febreiro e principios de outubro e a actuación contará cun prazo de execución de catro meses. Consistirán na construción de cunetas tendidas de entre 1 metro e 1,5 metros de anchura en ambas beiras ao longo dos 2 primeiros quilómetros desta estrada, cunha lonxitude total de 6.778 metros. Este tramo, aínda que non ten presión residencial e transcorre fundamentalmente por terreos forestais, presenta curvas pechadas, escasa visibilidade e unha sección de 6,5 metros, que agora, coas novas cunetas, pasará a entre 8 e 9,5 metros. Ademais, instalaranse tubaxes para a canalización das escorrentas de augas pluviais evitando que o firme enchoupe. As novas cunetas substituirán as actuais, realizadas en terra con forma de uve e que supoñen un perigo en caso de saída de vía.

Por outra banda, durante a visita comprobouse o resultado da reforma integral da casa do concello, financiada con achegas do Plan Concellos das anualidades de 2019 e 2020, cun importe de 50.000 euros. A actuación consistiu na instalación dun revestimento cerámico na fachada que posibilitou o illamento térmico, ademais de acabar coas humidades existentes. Ademais, practicáronse dúas fiestras que, en palabras do alcalde, "abren o Concello á cidadanía" e mellorouse a habitabilidade interior e, por tanto, a atención ao público. Manuel Campos anunciou que o Concello continuará agora co acondicionamento da praza exterior e a mellora da sede dos servizos sociais municipais, tamén cos fondos da Deputación.

O deputado Manuel González destacou a satisfacción que produce comprobar sobre o terreo a colaboración da Deputación "cun concello pequeno e do rural como é Cuntis" e destacou a "especial vontade de entendemento co municipalismo. "Imos seguir con este compromiso político, que é o compromiso da presidenta, Carmela Silva, para loitar contra o despoboamento do rural con actuacións de mellora dos servizos públicos, algo do que outras administracións deberían aprender".

Manuel Campos Velay agradeceu a licitación da estrada da Portela a O Souto de Vea "que é unha obra importante para un concello atravesado pola N-640, é dicir por un eixe de comunicación que é alternativo á AP-9 e que, por iso, ten unha alta densidade de circulación". "Levabamos tempo loitando por iso e acadámolo". Neste senso reivindicou tamén a necesidade de que a Xunta de Galicia remate a autovía Santiago-A Estrada, que acumula un atraso histórico para solucionar os problemas de comunicacións na comarca.

O alcalde destacou que Cuntis recibe tódolos anos uns 600.000 euros da Deputación "que se traducen en obras moi importantes para veciños e veciñas". "O Plan Concellos é unha arma importantísima para tódolos concellos da provincia e, vistos os seus resultados, hai que recoñecerlle a Carmela Silva que tivera a determinación para financiar de xeito regrado a tódolos concellos da provincia, independentemente da súa cor política".