Noticias

A Deputación licita as obras de reposición de firme na EP-6106 ao seu paso polo concello de Dozón

Os traballos desenvolveranse nun treito de case cinco quilómetros desta estrada provincial e teñen un orzamento de licitación de 304.392 euros


21 outubro 2021

A Deputación de Pontevedra vén de licitar as obras de reposición do firme na estrada provincial EP-6106 Maceiras-Alvarellos ao seu paso polo Concello de Dozón, no marco dos traballos de conservación que leva a cabo a institución na rede viaria provincial a fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade.

En concreto, os traballos desenvolveranse nun treito de 4,8 quilómetros desta estrada provincial, que ten unha lonxitude total de 6,7 quilómetros, e o orzamento de licitación polo que sae a concurso esta obra ascende a un total de 304.392 euros.

As obras contemplan a demolición do firme actual e a súa substitución, así como o correspondente pintado da nova sinalización do viario. As empresas interesadas teñen de prazo ata o día 3 de novembro para a presentación das súas ofertas.